O prazo para arrendar leiras do Banco de Terras de Galicia está aberto ata o vindeiro mes de maio

O período para solicitalas abriuse a comezos de mes e están dispoñibles un total de 12.429 parcelas
Por o 13/03/2017 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
O prazo para arrendar leiras do Banco de Terras de Galicia está aberto ata o vindeiro mes de maio

A Consellería do Medio Rural informa de que o período de realización de solicitudes de arrendamento de leiras pertencentes ao Banco de Terras de Galicia estará aberto ata o vindeiro 2 de maio. A segunda convocatoria para solicitar estas parcelas ábrese no mes de outubro ata finais de novembro.

O Banco de Terras pon un total de 12.429 parcelas de vocación agraria a disposición de todas aquelas persoas que necesiten terra para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación da natureza e patrimonio ou outros usos de interese social. Deste xeito, os solicitantes poderán incrementar a base territorial das súas explotacións co obxectivo de abaratar custos de produción e facer as granxas máis rendibles e sustentables.

Falamos dun total de 5.830,24 hectáreas dispoñibles, onde o 41,61% concéntranse na provincia da Coruña con 5.040 parcelas. Séguelle a provincia de Lugo, con 2.807 parcelas e 1.898,04 hectáreas; Ourense con 2.623 leiras e 954,55 ha e, por último, Pontevedra cunha superficie de 551,65 hectáreas repartidas en 1.959 predios.

Os prezos de referencia destas parcelas poderanse consultar na páxina web https://sitegal.xunta.gal/sitegal/FirstPage.do, así como toda a información sobre cada un dos predios dispoñibles. Cómpre recordar que a solicitude de aluguer destas leiras está comprendida entre os meses de marzo a maio e de outubro a novembro, pero a incorporación de parcelas polos seus propietarios, así como os arrendamentos pactados, pódense tramitar ao longo de todo o ano.