As persoas interesadas en adquirir formación musical dispoñen da oportunidade das clases que ofrece a coral Valdarrosa coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas.
O prazo de inscrición xa está aberto. As persoas interesadas deben presentarse na Casa da Cultura e achegar os seus datos. A cota, moi económica, mantense nos 15 euros mensuais dende hai varios anos.
As clases, que comezan o 1 de outubro, impartiranse os luns na Casa da Cultura. Teñen unha duración dunha hora e están a cargo da directora da coral Valdarrosa, a profesora cubana Aleida Leyva de la Rosa. Ata o momento xa están anotadas unhas 10 persoas, polo que os interesados deben darse présa.
Daranse clases específicas de piano, en horario de 18 a 19 horas e de guitarra, de 19 a 20 horas. A maiores introducirase ao canto ás persoas interesadas, aproveitando a infraestrutura humana da que xa dispón a coral.
Nesta nova andaina, na que se vai facer unha clara aposta pola calidade no ensino musical cunha profesora que conta cunha sólida formación, traballarase coa intención de organizar grupos dunhas 5 persoas para garantir unha atención o máis personalizada posible.
O presidente da coral, Manuel Losada, destacou que o prezo das clases é moi reducido e as clases están abertas a persoas de todas as idades e niveis, co obxectivo de prestar un servizo á sociedade.
O Goberno local de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) agradece o esforzo da coral Valdarrosa, que este ano asume en primeira persoa a responsabilidade de organizar e coordinar as clases de música. Ao tempo, subliña o seu papel como dinamizador cultural do municipio, onde ten unha presencia moi activa en numerosos actos.
Noticias de última hora en Vigo