A precariedade laboral, o anteproxecto da Lei da saúde, ou Pazo de Meirás serán algúns dos temas que En Marea levará ao pleno do Parlamento da vindeira semana

O voceiro Luís Villares xustificou a pregunta ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, relativa ao emprego asegurando que o noso país está a vivir na “ditadura do precariado nun modelo no que os traballadores son tratados coma unha mercancía máis”.
Publicado por o día 05/09/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

A precariedade laboral, o anteproxecto da Lei da saúde, ou Pazo de Meirás serán algúns dos temas que En Marea levará ao pleno do Parlamento da vindeira semana

O voceiro de En Marea, Luís Villares, lamentou na rolda de prensa posterior a xunta de voceiros de hoxe que o grupo popular rexeitase a petición de comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, para explicar o anteproxecto da Lei de saúde que o PP presentou en pleno de mes de agosto e que considerou “un atentado contra a un dereito fundamental como é a saúde”. “O PP pretende facer negocio coa saúde da cidadanía para o que nada lle importa afastar a sanidade das persoas, reducir a autonomía dos hospitais comarcais ou empeorar a atención primaria” denunciou o voceiro de En Marea que asegurou que o seu grupo está decidido a defender os dereitos de toda a poboación de Galicia con independencia do lugar onde viva.

Seguindo co tema do benestar social, o grupo de En Marea levará a pleno unha iniciativa na que se insta ao Goberno galego a escoitar ás veciñas e veciños de Rianxo que continúan a súa loita para lograr que se constrúa un centro de día no municipio. Esta mesma mañá o grupo de En Marea sumouse á concentración organizada ás portas do Parlamento na que a veciñanza de Rianxo volveu a esixir que se atendan a súas demandas. “Apoiamos ás veciñas e veciños na súa mobilización e no seu peche no Concello desde o primeiro momento, agora levaremos ao pleno do Parlamento a súa xusta reivindicación” afirmou Luís Villares.

Outra das iniciativas que o grupo de En Marea levará ao vindeiro pleno será unha proposición non de Lei sobre o Pazo de Meirás na que se insta ao remate da concesión á Fundación Francisco Franco, “unha fundación que debería estar ilegalizada e contra a que a Fiscalía debería estar a actuar”. “Non hai nada máis antitético que a barbarie e estamos a falar dunha Fundación que pretende poñer en valor a figura dun asasino, un bárbaro, polo tanto non son quen de xestionar un ben cultural” declarou Villares. Por este motivo, En Marea solicitará á Xunta de Galicia que acabe coa concesión das visitas a esta Fundación, ao tempo que reclama que a propiedade do Pazo de Meirás sexa devolto ao pobo a quen se lle roubou coma se fose un “botín de guerra”.

O emprego será outro dos temas destacados a tratar por En Marea no pleno xa que como afirmou o voceiro “vivimos na ditadura do precariado nun modelo no que os traballadores son tratados coma unha mercancía máis”. Neste sentido o grupo parlamentario presentará tres iniciativas relacionadas co emprego e a situación actual. A primeira delas relacionada co modelo de extinción e prevención de incendios forestais baseado na precariedade laboral o que supón un ataque contra os dereitos dos traballadores e traballadoras, ademais dunha perda da calidade do servizo e das condicións de seguridade. A segunda centrarase nos alarmantes datos de sinistralidade laboral coa maior taxa de sinistralidade laboral do Estado, algo moi relacionado tamén coa precariedade laboral que incide de xeito directo nos accidentes laborais.

“Estamos ante un modelo insostible e por iso tamén a pregunta ao Presidente da Xunta de Galicia por parte de En Marea será referida a esta precariedade” anunciou Luís Villares. “Queremos políticas activas que creen emprego de calidade. Que os mozos podan volver e non teñan que marchar, que as mulleres podan traballar en igualdade de condicións que os homes, e que maiores de 50 anos parados de longa duración teñan tamén unha saída” remarcou.

A moción que defendera En Marea será relativa ao ensino rural. “A lexislatura do rural anunciada por Feijóo está sendo a lexislatura do abandono do rural e estase a constatar no peche de centros de ensino, a redución da calidade do sistema de saúde, no transporte…” sinalou Villares. Ante esta actitude do Goberno galego, En Marea cumpre coa súa obriga como primeira forza da oposición e presentará no vindeiro pleno alternativas para a mellora da vida no rural, nesta ocasión centrada no ámbito educativo.

Por último, o grupo parlamentario alarmado polo acontecido este verán e o mal funcionamento xudicial e particularmente preocupante no xulgado de Violencia machista, En Marea formulará unha pregunta urxente ao Goberno para que explique cuestións como a falla de substitución no período vacacional neste xulgado, ou as incidencias e fallos detectados no sistema informático. “Estamos ante unha situación totalmente caótica a que hai que poñer fin por responsabilidade” defendeu o voceiro de En Marea.

PETICION COMPARECENCIA DA SECRETARIA XERAL DE IGUALDADE

O grupo de En Marea rexistrou así mesmo no Parlamento de Galicia unha petición de comparecencia da Secretaria Xeral de Igualdade, xunto co resto de partidos da oposición, para que dea conta do Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero en Galicia.

Para o grupo parlamentario de En Marea as situacións acontecidas ao longo deste verán nos xulgados de Violencia de xénero é algo totalmente intolerable e dunha gravidade que obriga a que o Goberno galego compareza no Parlamento para explicar a situación.