Pór en valor a contribución das e dos futuros profesionais para desenvolver boas prácticas e estándares tecnolóxicos que axuden ás empresas a ser máis eficientes e competitivas. Con este obxectivo a principal asociación española de fabricantes e distribuidores, Aecoc, entidade con máis de 29.000 firmas asociadas e cuxa facturación conxunta supón preto dun 20% do PIB nacional, convoca cada ano os seus premios académicos, galardóns que este ano chegaron ata Vigo da man de Pablo Carrera, alumno da Escola de Enxeñería Industrial e gañador da edición 2018 na categoría de Supply Chain polo seu Traballo Fin de Grao Modelo de rentabilidad para el e-commerce en grandes cadenas de supermercados.
O TFG de Carrera competiu con preto dun cento de traballos, tanto de fin de grao como de fin de mestrado, procedentes de centros universitarios de todo o país. No seu caso participou na categoría de Supply Chain, unha área na que se busca impulsar unha cadea de valor máis eficiente e sostible. “No meu traballo achego unha análise detallada da situación actual do e-grocery, o comercio electrónico de produtos de alimentación e de supermercados”, apunta o alumno, quen explica que se esforzou en identificar os problemas e retos claves deste canle de venta, “que será esencial no futuro do sector”, grazas á elaboración dun modelo de rendibilidade detallado para a canle en liña dunha cadea de supermercados nacional, empregando, polo tanto, datos reais que dotan de gran precisión a todo o traballo.
Premiado con 3000 euros, este TFG céntrase na análise dos custes de operar a canle en liña e está enfocado a empresas que preparan os pedidos nas tendas físicas, aínda que tamén se analiza a alternativa dos grandes centros de distribución centralizados. “Ademais, incluímos unha análise de sensibilidade modificando aquelas variables máis relevantes en termos de custos, cuantificando así o reto respecto á rendibilidade que supón o e-grocery, e os puntos críticos a optimiza para afrontar dito reto con éxito”, recalca o alumno premiado.
O premio reforza o traballo do grupo GIO
Ademais dun diploma acreditativo e de 3000 euros para o gañador, o galardón inclúe tamén unha dotación de 1000 euros para o director do TFG, neste caso o catedrático da Área de Organización de Empresas José Carlos Prado, director do Grupo de Ingeniería de Organización (GIO), quen acompañou ao alumno á gala de entrega de premios celebrada recentemente en Madrid. “Tanto para el como para nós é unha gran satisfacción, xa que supón un recoñecemento moi importante, dada a entidade que o concede e a enorme competencia que existiu para conseguilo”, explicou Prado, quen fixo tamén fincapé en que este recoñecemento reforza o traballo do grupo GIO “nunha liña de investigación de grande importancia”.
20.000 euros en premios
Ademais da categoría Supply Chain, os premios académicos de Aecoc contan con outras tres categorías: marketing, cuxo premio foi este ano para a Universidad de La Rioja; tecnoloxía aplicada, para a Politécnica de Madrid, e PepsiCo-Sostenibilidad, para a Universidad de Lleida. En total repartíronse 20.000 euros (3000 euros para os traballos gañadores en cada unha das categorías, 1000 para cada un dos accésits e 1000 para cada un dos docentes que tutela o traballo ganador).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.