Preparadas 18.000 uvas para despedir o 2017 en Mos con 24 horas de antelación

A Festa Pre Fin de Ano organizada polo Concello contará coa animación musical da Orquestra Olympus
Publicado por o día 27/12/2017 na sección de Eventos,Galicia,Mos

Preparadas 18.000 uvas para despedir o 2017 en Mos con 24 horas de antelación

Mos repartirá 18.000 uvas para recibir ao 2018 por todo o alto e por adiantado na súa Festa Pre Fin de Ano. A gran novidade deste Nadal en Mos é a Festa Pre Fin de Ano que se celebrará o 30 de decembro no contorno do Pazo de Mos que contará con Dj e animación a partir das 22.00 horas e badaladas con uvas e cotillón ás 24.00 horas. O fin de festa correrá a cargo da Orquestra Olympus.

A concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, informou hoxe de que o vindeiro sábado repartiranse en Mos 1.500 paquetes con 12 uvas cada un, ademais de cotillón para cada un dos asistentes; para que ao público que se anime a celebrar por adiantado na localidade mosense a chegada do novo ano, non lle falte de nada. Ademais o recinto estará cuberto por unha gran carpa.

Este é o primeiro ano que se organiza en Mos este evento que dende o Concello espérase que sexa multitudinario e que teña continuidade durante moitas edicións máis. A calidade da Orquestra Olympus asegurará o baile ata ben entrada a madrugada, xa que a animación musical non pode faltar en toda despedida de ano ao grande que se precie.