Presentaciñon do “IX TORNEO ABERTO DE XADREZ” do Concello de Cangas do Morrazo

O evento deportivo realizarase o domingo 2 de xuño nos Xardíns da Alameda Nova de Cangas.
Publicado por o día 28/06/2017 na sección de Cangas,Deportes,Eventos,Galicia

Presentaciñon do “IX TORNEO ABERTO DE XADREZ” do Concello de Cangas do Morrazo

O IX Torneo Aberto de Xadrez presentouse hoxe na Casa da Xuventude de Cangas, unha cita que vén sendo habitual para este concello morracense e que vai gañando adeptos co pasar do tempo. De feito, o evento conta con oito edicións e este ano celebrarase a novena. Ó citado acto acudiron o Concelleiro de Deportes Xoán C. Chillón e o coordinador do evento Tomás Lemos, ademais dos técnicos de deportes.

Este Aberto celebrarase o vindeiro domingo 2 de xuño nos Xardíns da Alameda Nova de Cangas en horario de 10:30 a 14:00 horas e está previsto que nel participen arredor de 50 xadrecistas. A inscrición é totalmente gratuíta e pode realizarse na Casa da Xuventude (por teléfono ou por correo electrónico) ou no mesmo día do torneo.
Lemos, que é o impulsor e encargado do desenvolvemento do evento na Alameda, recalcou que se trata dun torneo “dirixido a todo tipo de persoas, independentemente da súa idade: desde rapaces e rapazas, pasando por afeccionados ou xogadores máis especializados”. Exemplo disto último é a participación dalgúns membros dos clubes de xadrez do Morrazo, que non adoitan perder esta cita.

Para este Aberto levarase a cabo o denominado como “sistema suízo” que non é eliminatorio, senón que se trata de algo moi parecido a unha liguilla que provocará que os xogadores de semellante nivel se vaian cruzando uns con outros. Ó final, os trofeos repartiranse en dúas categorías: absoluta e medallas para os máis pequenos.
O Concelleiro Xoán C. Chillón aproveitou a ocasión para animar a toda a veciñanza, ós visitantes e turistas para que se sumen a este encontro clásico, poñendo de manifesto que “o xadrez constitúe unha disciplina moi completa xa que abarca diversas vertentes, tal e como o son a social, a imaxinativa e a deportiva”.

Cómpre engadir que este xogo de mesa aporta uns factores moi positivos sobre todos aqueles que o practican pois favorece á concentración, á educación, á reflexión ou á toma de decisións, entre outros.