Presentación 21K Costa da Vela

A día de hoxe xa se conta con 310 inscricións na carreira popular
Publicado por o día 06/07/2017 na sección de Atletismo,Cangas,Deportes,Eventos,Galicia

Presentación 21K Costa da Vela

Este xoves, día 6 de xuño, realizouse a presentación do evento deportivo 21K Costa da Vela, unha carreira popular que, tal e como o seu nome indica, consta de 21 quilómetros de percorrido por uns dos lugares máis fermosos e aracterísticos das Rías Baixas: a Costa da Vela. O Concello de Cangas, a Concellaría de Deportes e a Concellaría de Turismo son entes colaboradores na súa organización.

A xornada na que se levará a cabo a proba será o 17 de setembro e nela participarán arredor de 600 persoas. O rexistro pódese realizar a través da páxina web https://championchipnorte.com/evento/detalle/id/1229/21k-costa da-vela-2017 e, ata o 28 de agosto, o prezo da matrícula será de 15€. A partir desa data disporá dunha cifra lixeiramente superior, pero os organizadores do acto prevén que se esgoten as inscricións con bastante antelación. A día de hoxe figuran 310 inscritos, unha cifra que se considera “moi elevada”.

A carreira xa conta con tres edicións anteriores e, ano tras ano, vai gañando máis adeptos. De feito, tal é o seu éxito que o ano pasado foi a única galardoada co premio “Mellor trail medio de Galicia”, un premio que lle concedeu a revista de atletismo RuNedia.

A madriña da proba deportiva, Solange Pereira, afirmou que “cada ano, a carreira continúa crecendo moitísimo, de feito actualmente hai un récord de inscritos e aínda faltan uns meses para completar os rexistros. Por outro lado hai que facer fincapé no percorrido da mesma, xa que é precioso”.

Polo seu lado, o alcalde Xosé Manuel Pazos Varela trasladou a idea de que “estas probas deportivas logran que Cangas sexa un concello singular, con moitas actividades que atraen a decenas e centos de persoas, o que é moi positivo para o municipio”. O concelleiro de deportes Xoán C. Chillón realizou unhas declaración na mesma liña, pero salientando o carácter deportivo e paisaxístico da carreira: “A 21K Costa da Vela, ó igual que outras probas e eventos, constan dunha dimensión moi variada, pois abranguen a turística, a cultural ou a deportiva. Quero animar á veciñanza a que se apunte a este evento pois poderán gozar dunhas contornas marabillosas. O nivel de dificultade contrarréstase coa contorna paisaxística”.

Unha das características que tamén se citou na presentación foi que a pesar das dificultades que presenta unha carreira con diferente saída e chegada, a 21K Costa da Vela sempre presenta unha organización moi boa.