Presentación da oitava edición do Kanekas Metal Fest

O certame celebrarase o 29 de xullo e nel participarán Hongo, Insaniam, Aathma, Morphium e Obsidian Kingdom.
Publicado por o día 22/07/2017 na sección de Cangas,Cultura,Galicia

Presentación da oitava edición do Kanekas Metal Fest

No día hoxe levouse a cabo a presentación da oitava edición dun dos festivais máis importantes de Cangas e das Rías Baixas: o Kanekas Metal Fest, que terá lugar o vindeiro sábado día 29 de xullo. Comezará a partir das 20:30 horas detrás do Concello. A entrada é totalmente gratuíta.

Un dos puntos fortes deste certame é o directo e, nesta tempada, está cualificado de “espectacular e brutal” grazas ás diversas bandas participantes. Nada máis e nada menos que Obsidian Kingdom, Morphium, Insaniam, Aathma e, como non podía ser doutra forma, o grupo galego coñecido como Hongo serán os encargados de proporcionar á vila un certame referente no mundo do metal. Convén destacar aquí que sempre se trae algunha banda en representación da nosa terra, pero un dos obxectivos principais, tal e como indican desde a organización (Mozarrica), é intentar que participen bandas “que a xente non mire habitualmente”. Exemplo disto é Insaniam, que é a primeira vez que actúa en Galicia.

Ano tras ano, o festival consegue atraer a numerosas persoas. O éxito é indubidable, por iso a calidade das actuacións está en constante aumento. “Conseguimos grupos de gran reputación e este ano volvemos superar o cartel do ano pasado. De feito, este grupos poñen toda a súa ilusión e empeño para participar, incluso algunhas veces sen lucrarse”, comentou un dos membros organizadores.

O concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística de Cangas, Héitor Mera Herbello, apuntou durante a presentación do evento que se sente moi orgulloso do mesmo: “Este tipo de festivais aportan frescura aos dinamismos culturais da vila e o Concello ten que involucrarse neles”. Tanto é así que desde a súa chegada ao Goberno captou o potencial de todos estes certames e apostou por eles mediante a realización de convenios de colaboración que inclúen unha parte económica e loxística.

Un dos puntos fortes do Kanekas Metal Fest é que está organizado polo pobo para o pobo e para todos os amantes deste tipo de música. “Iso é cultura de base, este é o gran logro do certame. Cangas ten un dos mellores festivais de Heavy Metal. Aquí hai variedade dentro das posibilidades do metal. A transcendencia que ten o Kanekas vai máis alá, chega lonxe. A xente que o organiza é humilde, por iso todo o meu apoio e cariño para eles. Viva o Heavy Metal e viva Cangas”.