Presentación da programación da Semana Santa

Por o 09/03/2018 | Sección: Cangas,Galicia
Presentación da programación da Semana Santa

No día de hoxe levouse a cabo a presentación da programación da Semana Santa de Cangas, unha celebración de grande importancia para a vila que busca ser declarada de Interese Turístico Nacional (xa o é a nivel galego). Dentro dela abárcanse unha gran cantidade de actividades de tipo relixioso, cultural e/ou turístico. A primeira delas comezou o pasado venres, día 2 de marzo coa Festividade do Nazareno, e as últimas están fixadas para o Domingo de Pascua (1 de abril).

Desde a Administración local organízanse rutas gratuítas, visitas guiadas polo Casco Antigo da vila, unha exposición, unha obra de teatro e un festival para completar a oferta relixiosa. Xosé Manuel Pazos Varela, alcalde do Concello, explica que todas elas serven para “desestacionalizar o turismo. Ademais, durante eses días as bandas de música e as corais terán moita presencia, o que provoca que esta festividade se enriqueza. Aínda así, o atractivo fundamental e o gran protagonismo reside nas confrarías e nas imaxes”.

Sen dúbida, na Semana Santa teñen lugar uns cultos e oficios que están moi arraigados nesta parroquia. Por iso, o párroco Severo Lobato desexa que todos estes días estean cargados de “piedade, humildade e seriedade”.

“Para que esta conmemoración cristiá se amplíe estamos incorporando novas imaxes”, indica o coordinador das Confrarías, Jesús Gil, que non deixa de agradecer ao Concello por “implicarse tanto nestes últimos anos na organización e desenrolo do evento. De feito, esa institución é a que se fai cargo da maioría dos gastos. Pero non só no ámbito económico, senón que quero agradecerlle ao Alcalde por acompañarnos no Encontro Nacional de Confrarías de Jumilla e así poder representar a Cangas como se merece”.

Esta tempada, o encargado de facer o pregón será Jesús Bernárdez Solla, o ‘Caramuxo’. “Simplemente vivo a Semana Santa como cangueiro que son, queremos conseguir a declaración de Interese Turístico Nacional pero para iso temos que alcanzar unha grande repercusión, temos que conservar tradicións e corrixir as cousas que saian mal. Aquí contamos cunha festividade moi ben articulada e cun sentimento relixioso manifestado na rúa, non nos falta ilusión”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.