Presentación do libro “En blanco”, de Manuel Mandianes, no Centro Galego de Barcelona

O antropólogo, sociólogo e teólogo galego cualificou de “dura” esta obra, na que, a partir da experiencia dun sacerdote misioneiro, reflicte a sociedade dos anos 60, 70 e 80 e as súas crises política, relixiosa e intelectual.
Publicado por o día 03/12/2018 na sección de CSIC,Cultura

Presentación do libro “En blanco”, de Manuel Mandianes, no Centro Galego de Barcelona

O doutor en Antropoloxía, Socioloxía e Teoloxía Manuel Mandianes presentou esta fin de semana no Centro Galego de Barcelona “En blanco”, que constitúe a súa primeira novela despois de ter publicado máis dunha decena de ensaios sobre temas diversos. O tamén científico do CSIC, nado en Loureses (Os Blancos, Ourense), foi misioneiro en Colombia, escenario no que se desenvolve a
novela, que, aínda que “non é unha obra autobiográfica”, mestura vivencias persoais con pensamento social.

O acto de presentación foi introducido polo xornalista Manuel Valdés, director do programa “Lonxe da terra” en Ràdio Pomar de Badalona, e por Carlos Mandianes, presidente do Centro.

O autor cualificou de “dura” a obra, na que se reflicte a sociedade dos anos 60, 70 e 80 e as súas crises política, relixiosa e intelectual a partir da experiencia dun sacerdote misioneiro na selva colombiana que cruza o mundo por un ideal e que ve como os seus soños teñen que enfrontarse á realidade do momento. Unha realidade chea de claroscuros na que os conceptos teóricos aprendidos no seminario chocan coas verdades concretas e o sitúan nun dilema ético como sacerdote fronte ao nihilismo imperante.

Nado en 1942, Manuel Mandianes estudou Teoloxía e Antropoloxía en Estrasburgo, onde se doutorou, despois de exercer como misioneiro en Colombia durante cinco anos. Recoñecido antropólogo, é tamén doutor en Socioloxía e científico titular do CSIC, onde dirixiu o Instituto de Estudos Sociais Avanzados (IESA) en Barcelona. Realizou varios traballos antropolóxicos sobre Galicia e ten publicados máis dunha decena de ensaios, entre eles, “Loureses, antropoloxía dunha parroquia galega”, “Peregrino a Santiago: viaje al fin del mundo” ou “O río do esquecemento. Identidade antropolóxica de Galicia”, Premio da Crítica de Galicia en 2004.

Así mesmo, é colaborador habitual en programas de radio e televisión e en xornais de información xeral.