Presentación do libro de poemas de Rafael Bárez

O día 9 de marzo, ás 20 h, no teatro Rosalía de Castro da Coruña
Publicado por o día 02/03/2017 na sección de A Coruña,CC.OO,Cultura,Galicia,Sindicatos,Vigo

Presentación do libro de poemas de Rafael Bárez

O xoves da semana que vén, día 9 de marzo, ás 20 h, terá lugar no teatro Rosalía de Castro da Coruña a presentación do libro de poemas de Rafael Bárez, publicado de xeito póstumo. A obra foi escrita polo avogado laboralista cando estivo en prisión tras a brutal represión que seguiu aos sucesos do 10 de Marzo de 1972.

Perfil

Rafael Bárez (1946-1996) naceu en Sigrás, A Coruña, mais estudou o bacharelato en Lugo e os estudos de Dereito en Santiago de Compostela. Membro do Sindicato Democrático de Estudiantes, tomou parte nas loitas estudantís de 1968 e ingresou no Partido Comunista. Polas súas actividades foi desterrado a Lugo por un período de dous meses.

Após rematar os estudos trasladouse a Ferrol, onde exerceu como avogado laboralista. Amais de formar parte dos órganos de dirección do PC, o seu despacho tivo unha gran vinculación coas Comisións Obreiras. Del dixo Manuel Rivas: «O seu despacho sempre estaba aberto aos indefensos. Sensible, cordial e vitalista, adoraba a música e desfrutaba na calor das festas populares. Como no poema de Paul Éluard, pódese dicir que morreu cos brazos abertos á vida ».

Novamente, o seu compromiso social foi causa de que padecera a represión: tras os sucesos de 1972 en Ferrol, o despacho de Bárez sería rexistrado e o avogado detido e levado a prisión. En total pasou nove meses na cadea dos catro que inicialmente solicitara a Fiscalía. Durante este período de privación de liberdade creou os poemas que constitúen o proxecto editorial xa mencionado.