“Os ratos da casa” é o novo libro infantil do profesor e escritor de Cangas Xosé Manuel González Oli, que se presentará este venres ás 18:30 horas en LIBROS PARA SOÑAR, nunha sesión de contacontos na que o autor contará este e outros relatos da súa autoría.
Ilustrado pola arxentina Natalia Colombo, gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, “Os ratos da casa” trata sobre unha familia de intrépidos roedores que viaxan dende a montaña ata unha casa, onde son descubertos pola familia que habita nela.
Encadeando as accións dos personaxes e os elementos da trama, e utilizando a rima, Oli proponlles aos lectores unha viaxe na que o autor explora novas formas de contar unha historia. Cun ton poético e humorístico, os ousados ratos que protagonizan este conto acaban levando un bo sobresalto cando aparece en escena un inoportuno animal que os delata.
As ilustracións de Natalia Colombo destacan pola riqueza cromática, a utilización de ceras e lapis de cores, e a representación dos espazos domésticos, onde os lectores atopan graciosas chiscadelas ao cotiá.
Oli é mestre de Primaria, tradutor, escritor e especialista en literatura infantil e xuvenil. Tamén é co-director da colección Seteleguas de KALANDRAKA, editorial na que publicou “Once damas atrevidas”, “O pirata pata de lata” e “Artur” (no selo Faktoría K). Ademais, foi responsable das páxinas de literatura infantil da Revista Galega de Educación.
PRENSA KALANDRAKA COMUNICACIÓN
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.