Presentación en Vigo do libro Non des a esquecemento, de Luís Bará Torres

O acto terá lugar o venres 31 de marzo ás 20.30 horas no colexio de Arquitectos e contará coa intervención, ademais do autor, de Marta Dacosta, Xosé María Álvarez Cáccamo e o grupo de teatro O trasno novo.
Publicado por o día 30/03/2017 na sección de Cultura,Vigo

Presentación en Vigo do libro Non des a esquecemento,  de Luís Bará Torres

A obra presta especial atención á represión na área de Vigo e arredor da illa de San Simón.

O libro é unha compilación dos artigos publicados no blog Non des a esquecemento ao longo de case tres anos, desde comezos de 2014 a setembro de 2016. Mais sobre todo é a resposta a unha necesidade vital: a procura da verdade e da xustiza arredor das vítimas da represión franquista en Galiza, a vontade de contar o que pasou nun relato emocional, subxectivo, belixerante, impregnado da memoria oral, receoso dos informes oficiais e afastado tamén da neutralidade e da distancia de moitos estudos académicos.

O libro organízase en 5 partes I Memoria de Vilaboa recolle episodios da represión no concello de Vilaboa, utilizando como fonte principal a memoria oral II O ronsel das silenciadas, presenta un feixe de vidas de mulleres represaliadas, resistentes e solidarias. Mulleres rebeldes e pioneiras, que romperon moldes e combateron por causas xustas. Mulleres nais, irmás e fillas, perseguidas durante décadas. Mulleres inconformistas, sometidas a castigos e vexacións, tatuadas e violadas.

III Memorial de San Simón é unha crónica fragmentaria do terror e do fulgor, da desolación e da solidariedade, da penuria e da bondade que confluíron ao longo de 7 anos (1936-1943) nunha pequena illa prisión da ría de Vigo.

IV As casas refuxio é unha homenaxe ás familias que acolleron persoas fuxidas, que as protexeron nas noites de invernía e intemperie, nas noites de insomnio.

V Era a historia da noite Era a historia da noite componse de dúas partes ben diferenciadas. A primeira é o relato do terror que asolou as comarcas de Vigo e o Morrazo no verán do 36. A segunda, unha escolma variada de textos que inclúen comentarios sobre fotografías históricas e

reflexións sobre teimas e temas omnipresentes no libro: as feridas, as hemorraxias internas, as gavias, as flores, o dó, a resistencia, a coraxe, a solidariedade.