Presentada no campus a primeira bioincubadora especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados aos ámbitos da saúde e agroalimentario

BioIncubaTech, a primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario, presentou este mércores no campus de Vigo a súa primeira convocatoria de proxectos, que estará aberta ata o vindeiro 15 de novembro. BioIncubaTech é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela destinada ao fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes, conxugando a dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, coa finalidade de atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia.

A bioincubadora, situada no edificio Emprendia da USC, ofrecerá apoio e espazo para a incubación, tanto de micropemes, como de proxectos do ámbito biotecnolóxico. Alén da infraestrutura científico-técnica, con espazos privados e compartidos, as empresas usuarias de BioIncubaTech disporán de programas de apoio en catro eidos de actividade: a transferencia de coñecemento e xestión da innovación; captación e xestión de talento directivo; coordinación e networking internacional e captación de investimento e xestión financeira. Na sesión de presentación da convocatoria celebrada este mediodía en Citexvi participaron a directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Maruxa Álvarez; o director da Área de Valorización, Transferencia e Empredemento da USC, José Luis Villaverde e a xerenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Loli Pereiro.

20 proxectos a elixir na primeira convocatoria

A primeira convocatoria de proxectos para BioIncubaTech, presentada este mediodía no campus vigués, está dirixida a micropemes e proxectos empresariais do ámbito biotecnolóxico, nas áreas da saúde e tecnoloxías alimentarias, cun enfoque innovador e diferenciador con respecto a outras solucións existentes no mercado. A convocatoria, que contempla a incubación dun máximo de 20 proxectos, inclúe catro apartados aos que as iniciativas poderán concorren, segundo o seu grao de desenvolvemento: preincubación para proxectos en fases iniciais, sen inicio de actividade e sen plan de negocio ou con un non validade; incubación para empresas constituídas, cun plan de negocio inicial e incipiente acceso ao mercado; aceleración para empresas constituídas, con plan de negocio xa desenvolvido e acceso a un mercado significativo e incubación virtual para proxectos en calquera fase de desenvolvemento e que non precisen aloxamento físico.

Promovida pola USC, BioIncubaTech conta colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago e o financiamento da Fundación INCYDE da Axencia Galega de Innovación, GAIN.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM