Presentada ‘Un lugar afastado’, a nova entrega de Beto Luaces que completa a triloxía ‘VICVS’, expoñente de novela negra ambienta en Vigo

A obra, que é unha das más lidas e vendidas na cidade, relata a figura de Alfonso Graña, un galego de Avión que chegou a ser o rei dos xíbaros
Publicado por o día 10/12/2020 na sección de Cultura,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentaron hoxe Un lugar afastado, o novo libro do escritor Beto Luaces que completa a triloxía VICS, un referente da novela negra ambientada na cidade. Ademais do autor, o acto de presentación tamén contou coa presenza do editor, Antonio Couto, de Bolanda.

Na súa intervención, o secretario xeral de Política Lingüística subliñou que Vigo “é o escenario desta novela negra que xa ocupa os primeiros postos dos libros máis lidos e vendidos na cidade”. Referiuse tamén á trama “que mestura realidade e épica” e que recupera a coñecida figura de Alfonso Graña, “un galego de Avión que, como tantos, partiu á emigración na busca dunha vida máis próspera e se chegou a converter, nin máis nin menos, que no rei dos xíbaros”, sinalou.

Pola súa parte, a delegada territorial puxo en valor “o destacado papel de Vigo como escenario da triloxía, que leva aos lectores e lectoras a facer un percorrido pola nosa cidade, polos nosos principais enclaves e elementos arquitectónicos máis característicos”.

A presentación concluíu cun roteiro literario ofrecido polo propio autor, Beto Luaces, que saíu desde a sede da Delegación Territorial cara á estación marítima, ao pé da estatua do nadador, e se prolongou polo Hotel Bahía, o peirao de trasatlánticos e o casco vello, con referencias á península do Morrazo, á Guía ou á serra do Suído, e paradas nas avenidas e no edificio Mülder, no que se sitúa a propia casa de Manuel Peixoto, o protagonista principal da Saga.

Triloxía de novela negra viguesa

Con Un lugar afastado o autor vigués Beto Luaces completa a triloxía iniciada en 2017 con Un lugar do común e ampliada en 2019 con Un lugar aquelado, dous volumes con grande éxito de crítica e acollida na denominada novela negra viguesa.

O primeiro dos títulos foi o libro máis prestado na Biblioteca Pública de Vigo no ano 2018; un éxito que revalidou ao ano seguinte no segundo posto dos libros máis prestados deste centro e que ampliou durante 2020 encabezando a lista dos máis vendidos en galego en Vigo. Arestora van, respectivamente, pola terceira e segunda edición.Alfonso Graña, rei dos xíbaros

Nesta última entrega da triloxía Beto Luaces volve botar man dun feito real, a historia de Alfonso Graña, rei dos xíbaros, un dos personaxes máis fascinantes da historia de Galicia: un veciño de Avión que emigrou a América en busca de fortuna e chegou a converterse no rei Afonso I da Amazonia tras morrer o xefe da tribo con cuxa filla casara.

Comentar noticia

Your email address will not be published.