Presentadas ofertas para a adquisición de preto de 69.000 metros cadrados de solo empresarial na Plisan

Tres empresas presentaron ofertas para a adquisición de cinco parcelas en réxime de dereito de superficie, polo que so pagarán un pequeno canon anual, podendo adquirir a propiedade das parcelas nos dez anos posteriores á adxudicación
Publicado por o día 21/10/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Presentadas ofertas para a adquisición de preto de 69.000 metros cadrados de solo empresarial na Plisan

Rematado o prazo de presentación de ofertas para a adquisición de solo na PLISAN, tres empresas presentaron as súas poxas para a adquisición dun total de cinco parcelas, tal e como informou hoxe a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro.

Segundo dixo, as ofertas presentadas suman un total de 68.865,88 metros cadrados, que supoñen preto do 20 por cento do solo posto a disposición das empresas. En todo os casos as empresas solicitan a adxudicación en dereito de superficie, o que lles facilita o acceso ao solo empresarial ao pagar un canon anual reducido, permitíndolles acceder á propiedade do solo, si o desexan, dentro dos dez anos posteriores á adxudicación.

A adxudicación das parcelas solicitadas realizarase a través dunha poxa, na data que se determine, á que poderán acceder as empresas que presentaron as súas ofertas.

A representante autonómica, sinalou que desde o Executivo autonómico “seguimos a dar pasos adiante para que as empresas teñan cada vez máis facilidades para instalarse na Comunidade”. Neste obxectivo, destacou a aposta do Executivo autonómico por seguir creando emprego e polo desenvolvemento industrial, ao tempo que salientou a redución dos prazos de tramitación para as Iniciativas Empresariais Prioritarias. Un esforzo, dixo, que ten contribuído a que en Galicia nestes momentos se estean executando máis de 2.000 millóns de euros de investimentos no sector industrial.

Segundo apuntou, as compañías poderán comezar a instalarse na plataforma no primeiro semestre do 2020, coincidindo co remate das obras de urbanización da primeira fase da zona loxístico-empresarial, da ETAP e da EDAR, nas que se están a investir 20,6 millóns de euros.

Corina Porro subliñou que a PLISAN é o resultado do “maior esforzo por crear solo industrial” dos tres organismos promotores (Xunta, Autoridade Poruaria e Consorcio da Zona Franca). “Arrancamos xa coa presentación de ofertas, o que supón a posta marcha definitiva nesta área industrial, xeradora de riqueza e emprego”, apuntou. “Desde a súa orixe, a Plisan proxectouse como un polo estratéxico de atracción de empresas e industrias, cunha situación inmellorable que permitirá as nosas empresas e industrias mellorar a súa loxística e crecer en espazo e competitividade”, afirmou, para recordar que esta plataforma conta cunha inversión superior aos 231 millóns de euros por parte das tres entidades implicadas.

Por outra parte, anunciou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo aprobou o proxecto técnico de urbanización da segunda fase da zona LE, o que permitirá á Zona Franca de Vigo licitar en breve a obra de urbanización da mesma, en función dos acordos adoptados entre as tres administracións que participan no desenvolvemento da PLISAN, que acordaron que fose Zona Franca a encargada da licitación das obras das dúas fases da LE. Cabe recordar que as obras da primeira fase da LE están xa en execución.