Presentado o proxecto ‘El Camino de la Plata’ que une desde hoxe a Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela e León

A iniciativa inclúe unha web que pretende converterse na referencia dos peregrinos interesados en realizar o Camiño a través deste itinerario

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, xunto cos conselleiros de Cultura de Andalucía, Estremadura e Castela e León presentaron este martes en Mérida o proxecto conxunto El Camino de la Plata, promovido por estas catro comunidades co obxectivo de impulsar a Vía da Prata, destacando a súa riqueza patrimonial e cultural e o seu potencial como motor de dinamización do rural, especialmente coa ollada posta no vindeiro Xacobeo 2021.

O acto contou coa asistencia da conselleira de Cultura e Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia do Pozo Fernández; a conselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores Redondo e do conselleiro de Cultura e Turismo da Junta de Castilla y León, Javier Ortega Álvarez.

Previamente, Guillermo Fernández Vara, presidente da Junta de Extremadura, recibiu aos catro conselleiros e subliñou que é algo “infrecuente e excepcional” –o cal “lle dá máis valor e que nos debería facer recapacitar” – que catro comunidades da España das autonomías, “por encima de partidos e ideas, saquen adiante proxectos comúns, a través de proxectos compartidos, pois hai moito que compartir: historia, tradicións, cultura, patrimonio ou pertenza”.

Nesta mesma liña, Román Rodríguez destacou a importancia da colaboración institucional á hora de impulsar este itinerario, “que vertebra España de norte a sur” e que se caracteriza polo seu valor cultural e patrimonial. Deste xeito, explicou que a cooperación entre estas catro comunidades “vai máis alá dunha declaración de intencións e de manifestacións de boa vontade”, senón que busca crear un “marco efectivo de traballo” para a promoción e difusión da Vía da Prata, aproveitando a proximidade do vindeiro Ano Santo.

Portal referencia para os peregrinos

A web do proxecto, www.elcaminodelaplata.com, servirá como eixo da comunicación e pretende converterse na referencia dos peregrinos interesados en facer o Camiño de Santiago a través deste itinerario. Así pois, este portal exercerá como unha plataforma dinámica onde os peregrinos poderán coñecer, aprender e descubrir os segredos dos municipios que compoñen esta ruta, as historias reais dos veciños da zona, a idiosincrasia das súas xentes ou os seus tesouros ocultos.

Outro dos eixos centrais do proxecto é un plan de participación cidadá, onde uns centinelas do Camiño (prescritores, embaixadores e cidadáns), difundirán os valores desta ruta.

Protocolo de colaboración

A presentación deste proxecto da continuidade ao protocolo de colaboración asinado durante a xornada de onte entre os conselleiros de Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela e León para traballar en accións conxuntas centradas neste itinerario.

Así, o documento define a constitución dunha Comisión de Cooperación das comunidades autónomas asinantes e a creación dun grupo de traballo para o impulso de accións conxuntas que permitan a potenciación e a protección da ruta. No seno desta Comisión formaranse dous grupos con representantes de cada unha das autonomías que traballarán por un lado na promoción turística e na programación cultural e, por outro, na defensa e protección patrimonial do itinerario histórico.

Ao abeiro deste protocolo tamén se define un marco de colaboración para impulsar a unificación da sinalización e a mellora da seguridade viaria asociada aos tramos da ruta, así como a mellor integracións paisaxística dos tramos urbanos. Ademais, ao protocolo establece o apoio ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago nesta ruta, contribuíndo á constitución dunha Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago da Vía da Prata.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM