Presentan en Madrid ‘3Caminos’ como a gran produción audiovisual do Xacobeo 2021 patrocinada pola Xunta

O proxecto, encabezado pola empresa compostelá Ficción Producciones, conta coa implicación de compañías internacionais referentes neste eido como Amazon Prime Video ou Beta Films e con coprodutores de cinco países
Publicado por o día 28/01/2020 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

Presentan en Madrid ‘3Caminos’ como a gran produción audiovisual do Xacobeo 2021 patrocinada pola Xunta

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación en Madrid da serie 3Caminos, a gran produción audiovisual do Xacobeo 2021 que espallará por todo o mundo os valores deste fito. Trátase da primeira serie de televisión internacional e transmedia sobre a Ruta Xacobea, patrocinada pola Xunta e encabezada pola empresa compostelá Ficción Producciones, que conta ademais coa implicación de compañías internacionais referentes no sector como Amazon Prime Video e o grupo alemán Beta Films, ademais de coprodutores doutros catro países: Italia, Corea do Sur, México e Portugal, coa Radio Televisión de Portugal (RTP) e a produtora Cinemate.

Durante a presentación ante 50 medios nacionais e internacionais acreditados, o responsable de Cultura e Turismo destacou a capacidade desta serie para desenvolver a industria audiovisual e impulsar a internacionalización do Camiño de Santiago, especialmente ante o novo ciclo xacobeo 2021-2032. Neste sentido, lembrou que a Ruta Xacobea está “no seu mellor momento” tras pechar 2019 acadando un novo récord de peregrinos ao recibir preto de 350.000 de máis de 180 nacionalidades, o que reflicte o seu “carácter multicultural”.

Ademais do conselleiro de Cultura e Turismo, na presentación desta serie estivo presente a xerente de Ficción Producciones, Mamen Quintas; o produtor executivo do grupo Beta, Peter Loher, e algúns dos actores que conforman o elenco da serie, como Alex González, Verónica Echegui, Anna Schimrigk e Alberto Jo Lee, que inician nestes días a rodaxe. Ademais, 3Caminos exercerá como unha plataforma de expansión para o audiovisual galego, ao contar coa implicación de medio cento de profesionais da nosa Comunidade.

Escaparate para o audiovisual galego

A produción –que se estreará a finais de 2020– relata as vivencias compartidas ao longo do tempo por cinco mozos peregrinos de diferentes países e recibiu unha achega de máis de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta, como adxudicataria da convocatoria dunha subvencións específica de Agadic para obras audiovisuais que difundan os valores do Camiño e a imaxe de Galicia de cara ao Xacobeo 21.

Román Rodríguez destacou o bo momento do audiovisual galego e puxo en valor a capacidade do sector para difundir os valores da Ruta Xacobea en novos mercados, así como para atraer públicos diversos da man dalgunhas das compañías máis recoñecidas no eido audiovisual. Lembrou, igualmente, que a internacionalización do Xacobeo 2021 é un dos eixos de actuación do Plan Estratéxico do vindeiro Ano Santo elaborado por parte do Goberno galego.

Cinco amigos, tres momentos, un Camiño

A serie 3Caminos é o relato da vida de cinco amigos: Jana, Luca, Roberto, Yoon Soo e Raquel, de diferentes nacionalidades unidos polo Camiño de Santiago. O espectador asistirá á transformación e o crecemento persoal de cada un deles e contemplará como o paso do tempo vai modificando os soños, tecendo e destecendo parellas e amizades, e transformando as personalidades dos cinco en tres momentos concretos, 2000, 2006 e 2021, nos que compartiron peregrinación.

Mediante estes personaxes, a serie farase eco das miles de vivencias que se suceden cada ano ao longo do Camiño de Santiago, que dalgún xeito se converte nun protagonista máis desta ficción. Trátase dunha serie feel good que busca resaltar os valores e as bondades dunha ruta de peregrinación que une as culturas e as realidades máis diversas nun espazo con infindas oportunidades de intercambio.

Ademais, 3Camiños contará cunha gran campaña transmedia, elaborada especificamente por Fluor Lifestyle, recoñecida en 2018 como Mellor Axencia Independente de Innovación de España no Festival Iberoamericano de Creatividad y Estrategia. A súa implicación neste proxecto sumará esforzos na proxección exterior da imaxe de Galicia, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21.

Comentar noticia

Your email address will not be published.