Preséntanse as II Xornadas de Natureza Activa do Concello de Lalín

Publicado por o día 12/10/2018 na sección de Galicia

Preséntanse as II Xornadas de Natureza Activa do Concello de Lalín

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e o voluntario de Roteiros de Lalín, José Luís R. Jácome, presentaron esta tarde no concello as II Xornadas de Natureza Activa do Concello de Lalín, que se celebran do 25 ao 28 de outubro e que se financian cunha achega da Deputación de Pontevedra.

A iniciativa conta novamente cun cartel moi completo e da máxima calidade conformado por propostas diversas tales como poñencias ofrecidas por conferenciantes de moito prestixio, proxeccións, homenaxes ou andainas e actividades relacionadas con Roteiros de Lalín.

González Casares sinalou que “os dous puntais” das xornadas serán as conferencias de Javier Castroviejo, da Asociación de Amigos de Doñana (venres, 26 ás 21.00 h, na biblioteca), e de Joaquín Araújo, escritor, naturalista e agricultor (domingo, 28 ás 19.30 na biblioteca). Ámbolos dous contan cunha extensa e recoñecida traxectoria no traballo pola natureza, a diversidade e a defensa do medio. No primeiro caso a poñencia versará precisamente sobre “O patrimonio natural de Galicia”, mentres que no segundo se centrará na “Natura do século XXI”.

As xornadas taména collerán a homenaxe ao Proxecto Monte do Carrio (xoves, 25 ás 20.45 na biblioteca) polo seu esforzo na recuperación patrimonial e material no entorno do Carrio. A continuación do recoñecemento proxectarase a película “Happy People-Un año en la Taiga. O sábado pola mañá a Fraga de Catasós acollera a actividade Shinrin-Yoku na que Antón Sobral dirixirá un encontro de arte e natureza, mentres que pola tarde, ás 19.30 se proxectará a película 100 días de soledad. O domingo ás 09.00 celebrarase unha andaina a través de Roteiros de Lalín que servirá para inaugurar a homologación oficial do Roteiro dos Pazos, a ruta coa que se inaugurou hai 3 anos esta iniciativa.

As xornadas de natureza activa nacen con afán educador e sensibilizador sobre o medio ambiente e a necesidade de conservar a natureza, así como para crear conciencia sobre problemáticas ambientais de primeira orde que afectan a todo o planeta, como son a perda de biodiversidade ou o cambio climático. O programa é moi completo, ambicioso e de moita calidade, dentro das posibilidades que ten un concello como o de Lalín, e segue a liña de traballo dun Goberno que sempre tivo moi presente o medio ambiente, polo que esta iniciativa servirá para sensibilizar a través da divulgación e o debate dende o coñecemento.