Presentaron alegacións a modificación do plan parcial de Navia por un desenvolvemento sustentable de Navia

#NaviaVerde
Publicado por o día 07/05/2018 na sección de Galicia,Vigo

Presentaron alegacións a modificación do plan parcial de Navia por un desenvolvemento sustentable de Navia

Desde a Asociación Veciñal Novo Vigo, o primeiro que que queren facer é agradecer a toda a veciñanza o compromiso e implicación que están a demostrar para a defensa da sua contorna, e a súa confianza na Asociación Veciñal Novo Vigo, conseguindo reunir as máis de 1900 alegacións que hoxe presentaron​, que tamén representan o espírito de loita da sua veciñanza.

Estan de acordo en que se ten que levar a cabo a Modificación, é importante para o barrio, non queren que se paralice a súa execución e entre todos cren que é posible e necesario que
se consiga un DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE PARA NAVIA con todos os equipamentos necesarios.

Nun barrio como o de Navia, en pleno século XXI​, é importante preservar a calidade de vida da súa veciñanza, tendo en conta as carencias actuais de equipamentos educativos (falta de instituto), culturais e sociais próximos, totalmente insuficientes coa poboación actual, e cuxa necesidade se verá incrementada notablemente tras a realización das fases pendentes.

Os equipamentos teñen que estar en consonancia coa edificabilidade e esta á súa vez debe de integrarse na contorna dunha forma suave e gradual para evitar o impacto visual que provocarían
as edificacións de gran altura.

É necesario que se preserven as masas forestais existentes, de gran valor ambiental, con actuacións que salvagarden a integridade das carballeiras, a protección de especies autóctonas, así como dos humidais que forman parte do estuario do Lagares.

Outra das preocupacións da veciñanza é o impacto acústico que a VG-20 provoca en toda a franxa exterior do PAU, que se verá incrementado coa chegada de novos habitantes polo que é necesario solucionar o grave problema de contaminación acústica que soportamos no barrio, recollido no “Plan de Acción contra el Ruído del Concello de Vigo” (2013) de máis de 65dBA e con unha afluencia de máis de 18.000 vehículos diarios, deles, un 15% tráfico pesado.

Consideran imprescindible deixar de ser unha “illa” dentro da cidade de Vigo, a través dunhas conexións adecuadas, para conseguir unha permeabilidade circulatoria de vehículos e persoas (conexión peonil coas dotacións e servizos), e poder efectuar así os percorridos da forma máis curta e adecuada posible, evitando desprazamentos e situacións perigosas.