Presentouse o XIX Aberto de Tenis Concello de Cangas

O evento deportivo realizarase entre o 18 e o 27 de agosto no complexo deportivo de San Roque
Publicado por o día 09/08/2017 na sección de Cangas,Deportes,Eventos,Galicia,Tenis

Presentouse o XIX Aberto de Tenis Concello de Cangas

Hoxe tivo lugar a presentación do XIX Aberto de Tenis Concello de Cangas, un evento deportivo que se celebrará entre os días 18 e 27 de agosto nas pistas do CEIP San Roque (fase previa 18 a 22 e a fase final entre os días 22 e 27). As categorías participantes son dúas: a masculina e a feminina.

O cadro final é de 16 xogadores, 12 que entran por ranking e os outros cantro son os clasificados na previa. O número de xogadores da previa aínda non está dispoñible porque a inscrición remata o día 15 de agosto, desde a organización esperan chegar ata o centenar de participantes.

Os gañadores recibirán medallas e premios en metálico. A contía que se destinará serán 1840 euros repartidos nos cadros feminino e masculino. O gañador masculino recibirá 400 euros e o subcampión 200 euros, mentres que a gañadora feminina recibirá 200 euros e a subcampiona 100 euros. Os organizadores do evento do Club Tenis de Cangas explican que a participación feminina sempre é moi complicada de conseguir: “Énos moi difícil completar esas listaxes, animamos desde aquí a unha maior participación”.

Ademais deste aberto realízase outro non federado, para a xente que estea en Cangas de vacacións ou para aqueles que lle guste o tenis. As datas de inscrición para o citado evento tamén terminan o mesmo día: 15 de agosto.
O concelleiro de Cultura, Héitor Mera, acudiu en representación do concelleiro de Deportes: “Mañá preséntase a Festa do Cristo e este é un aperitivo fantástico”.