A Presidenta da Deputación condena o asasinato de violencia machista do Carballiño

Carmela Silva amosa a súa satisfacción pola decisión da Audiencia Provincial de reabrir a investigación por insultos machistas vertidos contra ela.
Publicado por o día 30/01/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

A Presidenta da Deputación condena o asasinato de violencia machista do Carballiño

A Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou esta mañá a súa condena polo asasinato machista acontecido durante a fin de semana en Carballiño.  Silva, que promoveu un minuto de silencio durante o acto de inauguración da exposición de Luis Davila no Pazo Provincial, declarou a súa “indignación, enoxo, rabia… creo que xa non hai palabras para cualificar o que sinte a nosa sociedade fronte a un novo asasinato machista, fronte ao asasinato de Virxinia no Carballiño” e engadiu que “xa van seis mulleres asasinadas en menos dun mes de 2017 e non podemos consentilo porque non hai nada máis serio que loitar contra o asasinato de mulleres polo mero feito de ser mulleres”.

Carmela Silva salientou que a sociedade debe traballar para poñer límites a todas as violencias machistas, desde o asasinato ata os insultos. Neste contexto, a Presidenta provincial amosou a súa satisfacción “por ver que a Audiencia Provincial entendeu que non se podía arquivar o caso fronte aos insultos que sufrín, porque unha sociedade avanzada non pode permitir que se insulte tan gravemente ás mulleres e que ese comportamento quede sen sanción”.

A Presidenta da Deputación indicou que “hai milleiros de mulleres que sofren a diario estes insultos e non teñen voz, por iso fixen esta denuncia, porque son unha muller que ocupa un espazo público, con voz, con instrumentos para defenderme fronte a esas inxurias que teñen que ver coa violencia machista”.  Amais, Carmela Silva aproveitou a ocasión para reivindicar a necesidade de empregar todas as ferramentas posibles para facerlle fronte a este tipo de insultos co obxectivo de que desaparezan da nosa sociedade.