O presidente da Xunta participou na inauguración da nave H da factoría de PSA Peugeot Citroën

Salienta que a ampliación da nave H é a primeira actuación que permite a Lei de proxectos de urxencia, lembrando que o plan de transformación do polígono industrial de Balaídos supón un investimento de 81,4 millóns de euros.
Publicado por o día 09/11/2016 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

O presidente da Xunta participou na inauguración da nave H da factoría de PSA Peugeot Citroën

O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe o compromiso da Xunta para que Galicia sexa “un país de certezas no que investir”. “Creceremos tanto como a confianza que sexamos capaces de proxectar. Temos capacidade de traballo, centros coma o CTAG e temos a experiencia gañada ao longo de décadas de procura da excelencia na innovación como proba o sector da automoción”, aseverou, referíndose á inauguración da nave H da factoría de PSA Peugeot Citroën como un dos froitos máis claros das certezas que está a proxectar Galicia.

Neste sentido, lembrou que proxectos coma este se puideron levar a cabo grazas a aprobación da Lei de medidas en materia de proxectos de urxencia ou de excepcional interese promovidos por administracións públicas. “Os servizos xurídicos das Xunta, o Goberno e os grupos maioritarios da Cámara aprobamos unha lei para que este proxecto proseguise e non se truncase na metade da súa execución” abundou.

Ademais de contar cun novo aparcadoiro con máis de 1.200 prazas, Feijóo subliñou que esta nave H contará cunha zona de almacenamento e distribución de pezas de automóbiles, que permitirá trasladar definitivamente a loxística de subministracións do obradoiro de ferraxe, onde se soldan as estruturas dos vehículos. Así mesmo, a súa proximidade á nave principal permitirá optimizar os procesos da factoría e achegarse máis ao concepto de Fábrica Excelente.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta salientou que aspirar a ser unha Fábrica Intelixente tamén implica velar polo medio ambiente. E, neste senso, resaltou que esta nave contará ademais con paredes vexetais, que absorben materiais contaminantes e axudan a preservar a temperatura do interior, e estará iluminada integramente mediante tecnoloxía LED, reforzada ademais por placas fotovoltaicas na cara sur do nivel superior.

Feijóo incidiu en que a ampliación da nave H é a primeira actuación que permite a Lei de proxectos de urxencia, lembrando que o plan de transformación do polígono industrial de Balaídos -impulsado por PSA, a Zona Franca e a Xunta- supón un investimento de 81,4 millóns de euros.

Sobre este plan, o responsable do Goberno autonómico afirmou que o obxectivo é dotar con servizos e infraestruturas de vangarda un polígono no que reside o corazón da automoción galega, un dos sectores clave da economía galega. Non en van, as catro empresas que se asentan nel —PSA, Maviva, GEFCO e GKN— dan emprego a 7.600 persoas, o que supón un de cada seis postos de traballo do total de empresas de Vigo e comarca; e, entre as catro, facturaron en 2015 máis de 5.500 millóns de euros (dos que 4.500 millóns corresponden a PSA).

Feijóo asegurou que a competitividade destas fábricas, a súa confianza na innovación e o seu espírito de perfeccionamento constante contribúen a que a automoción en Galicia teña presente e futuro. “Ten presente, porque segue mantendo a súa posición de liderado nun mercado moi competitivo e PSA é a locomotora das nosas exportacións, con máis de 3,5 millóns de vehículos galegos vendidos nos últimos anos en máis de 100 países. E ten futuro captando novos investimentos como a fabricación -a partir de 2018- do vehículo comercial lixeiro K9 e a do todocamiño V20”.

Sobre este último punto, recordou que estes dous proxectos suporán un investimento en Vigo e en Galicia de 3.000 millóns de euros nos vindeiros anos e que se garanta a carga de traballo durante unha década, ademais dos máis de 1.000 empregos que xa se crearon ao longo do último ano.

Feijóo concluíu subliñando que, se ben aínda queda moito camiño por percorrer, “hoxe as dificultades estanse a converter en esperanzas e a crise en recuperación”.