O presidente da Xunta ve positivo un marco regulatorio común sobre as vivendas de uso turístico para evitar disparidades entre comunidades e inseguridade xurídica

Afirma que é necesario establecer unha regulación que evite a competencia desleal e garanta a calidade, tal e como se fixo en Galicia a través da aprobación dun dos decretos máis flexibles de España
Publicado por o día 17/01/2018 na sección de Xunta de Galicia

O presidente da Xunta ve positivo un marco regulatorio común sobre as vivendas de uso turístico para evitar disparidades entre comunidades e inseguridade xurídica

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou onte que en Galicia saudaríase que o Goberno central establecese un marco regulatorio común sobre as vivendas de uso turístico co fin de evitar disparidades entre comunidades e inseguridade xurídica.

Así o expresaba o presidente da Xunta no panel-coloquio Claves dunha nova gobernanza turística celebrado no seo do IX Foro de liderado turístico de Exceltur, onde compartiu mesa cos presidentes da Generalitat Valenciana, Ximo Puig, e do Govern de Illes Balears, Francina Armengol, e con tres empresarios de referencia no sector turístico como son a conselleira delegada do Grupo Riu, Carmen Riu, o presidente de Balearia, Adolfo Utor e o vicepresidente de Meliá Hotels International, Gabriel Escarrer.


Como destacou o presidente do Goberno galego, en materia de vivendas de uso turístico é necesario establecer unha regulación que evite a competencia desleal e garanta a calidade, tal e como se fixo en Galicia a través da aprobación dun dos decretos máis flexibles de España. Trátase dun texto que establece un marco regulatorio que foi acordado co sector e que nace con vocación de ordenar a competencia, non de restrinxila.

Nesta liña, Feijóo tamén expresou a necesidade de que as vivendas de uso turístico cumpran as súas obrigacións fiscais e garantan a seguridade dos usuarios e veciños, como o resto dos establecementos turísticos.

Sobre a turismofobia

Os participantes no coloquio tamén abordaron os recentes brotes de rexeitamento social ao turismo ou turismofobia, o que Feijóo asociou a grupos políticos de ideoloxías radicais e moi circunscritos a territorios onde hai unha presión turística moi alta. Para o mandatario galego, a turismofobia non é un sentimento estendido en España.

Neste sentido, ve necesario actuar para previr estes brotes mentres sexa algo minoritario, tratando de evitar que o turismo teña un impacto negativo na vida cotiá de persoas que non teñen relación co sector. Nesa misión considera que as Administracións públicas e os empresarios teñen unha gran responsabilidade.

Para iso recomenda que se diversifiquen os espazos que reciben turismo para evitar a saturación en puntos concretos e que se segmenten os mercados turísticos para centrarse en captar visitantes de maior calidade. Con respecto a isto, puxo como exemplo a aposta de Galicia por pór en valor o seu patrimonio gastronómico, natural e cultural.