Pretenden convertir Varilongo nunha enorme mina a ceo aberto.

Ecoloxistas en Acción denuncia que a mineira Rafaella Resource, segundo consta no seu propio “Informe de Viabilidade”, está vertendo ata 250.000 litros de augas contaminadas sen tratamento cada día.

A organización ecoloxista advirte que a mineira Rafaella Resource, apesar de gabarse de ter apoio municipal, anticipa no seu informe un movemento veciñal “anti-proxecto”, xa que os postos de traballo “non terán suficiente peso para a aceptación dun proxecto mineiro”. Pero lonxe de implementar partidas para reducir o impacto ambiental a empresa prefiriu contratar os servizos dunha consultoría de relacións públicas (a compostelana INCIS) para desarticular a oposición veciñal.

Ecoloxistas en Acción resalta que de levarse a cabo a operación deseñada pola mineira Rafaella Resource, segundo consta no seu propio informe as instalacións de residuos mineiros ocuparían 65 hectáreas, ocupando 3.000 parcelas de Coristanco e Santa Comba

 Ecoloxistas en Acción sinala que este mes a empresa australiana Rafaella Resources, que controla os dereitos mineiros da antiga mina de Varilongo, en Santa Comba, a través da súa filial Galicia Tin & Tungsten, ven de facer público un “Informe de Viabilidade” no que expón as súas intencións para os próximos anos. A pesar de que o proxecto aprobado en 2011 sen avaliación de impacto ambiental era apenas para minaría subterránea, agora a empresa pon sobre a mesa unha megamina a ceo aberto que esgotaría o xacemento de Varilongo en apenas 5 anos de explotación intensiva.

Operación de explotación intensiva insostible ambientalmente

A operación funcionaría durante as 24 horas do día os 7 días á semana, realizando voaduras tamén ao longo da noite, o que o propio informe considera que pode ser un problema coa veciñanza polo ruído. Ademais do grande cráter, que sería “restaurado” no 6º ano creando un lago ácido, o proxecto contempla crear unha balsa de lodos tóxicos de 20 hectáreas directamente encima da Braña Ancha, unha das tributarias do río Xallas, e dúas escombreiras de 35 e 10 hectáreas respectivamente. Estas instalacións de residuos implicarían a ocupación permanente de perto de 3.000 parcelas rústicas nas parroquias de Grixoa e San Salvador, en Santa Comba, e na de Cuns, en Coristanco.

O plan da empresa é iniciar a explotación de inmediato, operando durante os primeiros 3 anos baixo a tapadeira da “Canteira da Mina”, que apenas conta cunha autorización de aproveitamento de áridos, pero procesando o material extraído a ceo aberto pola canteira para extraer o estaño e volframio. Ecoloxistas en Acción denuncia que esta manobra ilegal, coñecida polas Administracións, permitiría á empresa iniciar de feito a explotación a ceo aberto de estaño e volframio en 2021 sen sometela actividade á avaliación de impacto ambiental, que, segundo a empresa, só sería necesaria para a segunda fase, de 5 anos, cando a “Canteira da Mina” desapareza por completo.

Ecoloxistas en Acción alerta que lonxe de crear postos de traballo a longo ou medio prazo para a zona, a empresa anuncia que durante os 5 anos de operación da mina utilizará un sistema de contratas, evitando asumir responsabilidades laborais directas.



Drenaxes ácidas de mina que contaminan os cauces

O informe, que contou cunha asesoría do grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña, recoñece que na actualidade a mina está sendo desaugada por gravidade a través da galería transversal “Carballeira”, tal e como levan denunciando dous meses grupos ecoloxistas e veciñais. Segundo o informe, actualmente estanse vertendo ata 250.000 litros ao día de augas contaminadas con metais pesados, sen tratamento algún, a pesar de recoñecer o informe a producción de drenaxes ácidas de mina.

O propio proxecto recoñece ademais que as actuais verteduras realizadas pola galería de desaugue Carballeira non están contempladas no proxecto de explotación aprovado en 2011, sendo ilegais e non contando con autorización algunha de Augas de Galicia. A pesar das numerosas denuncias presentadas ante a Xunta, Concello e SEPRONA, desde novembro lévanse vertido máis de 10 millóns de litros de augas contaminadas.

Oposición en marcha

Ecoloxistas en Acción xunto coa plataforma vecinal BerXallas e outros coletivos integrados na rede ContraMINAcción anuncian que farán frente ao proxecto a pesar de que tanto empresa como Administracións pretendan aproveitar a crise do COVID para minimizar a oposición social, como recoñece o propio informe de viabilidade, que recoñece que a situación de pandemia podería reverter as tendencias de oposición á minaría.

Lembran que a acción social xa consegiu expoñer as mentiras da empresa, que se viu obrigada a retirar da súa web todas as mencións a un suposto financiamento do Goberno Federal Alemán, que demostrou ser falso logo de varias preguntas presentadas no Bundestag en outubro e novembro, e advirten ás Administración que acabarán véndose forzadas a pararlle os pés á empresa á vista da flagrante ilegalidade do proxecto.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM