Preto de 150 estudantes da Universidade de Santiago visitarán en abril as instalacións de Meteogalicia

Tamén coñecerán os instrumentos de medición e observación meteorolóxica outros grupos de alumnos de ensino primario e medio de centro de Galicia
Publicado por o día 01/04/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia

Preto de 150 estudantes da Universidade de Santiago visitarán en abril as instalacións de Meteogalicia

Meteogalicia acollerá no mes de abril a preto de 500 estudantes de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional procedentes das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, así como alumnos do Grao Universitario de Mestre en Educación Primaria e Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Os asistentes participarán en distintas actividades para o coñecemento sobre os sistemas de medición, observación e predición meteorolóxica.

En concreto, estas actividades didácticas consisten en conferencias sobre meteoroloxía, aparellos de predición e observación e calidade ambiental; a organización de visitas á estación de medición da calidade do aire e a demostración do lanzamento de radiosondeo.

O primeiro grupo que acudirán a Meteogalicia serán 53 alumnos do IES Milladoiro, seguidos de 46 escolares de terceiro, cuarto, quinto e sexto de Primaria do CEIP da Torre-Cela e 30 alumnos do Grado de Xeografía e Historia da USC.

A programación completa de actividades de formación prevista para o vindeiro mes de abril pódense consultar no seguinte cadro:

Con todo, as actividades de formación que realiza Meteogalicia están a disposición a través do seguinte enlace:
http://www.meteogalicia.gal/web/informacion/novasIndex.action?request_locale=gl.

Igualmente, tras cada visita, os técnicos do centro de predición publican información ao respecto no perfil en Twitter https://twitter.com/meteogalicia e Facebook https://www.facebook.com/meteogalicia.es

Os sistemas de medición e predición espertan cada vez máis o interese da sociedade, por iso, os técnicos de Meteogalicia destinan unha media de 150 horas anuais á organización de actividades de formación con centros educativos e universidades da Comunidade.

Concurso Entendendo as nubes

Por outra banda, os técnicos de Meteogalicia invitarán aos escolares a participar no primeiro Concurso Entendendo as nubes que a Consellería do Medio Ambiente anunciou o pasado 23 de marzo coincidindo co Día Meteorolóxico Mundial. Tal e como explicou no seu día a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, este certame persegue o obxectivo de resaltar a enorme importancia que revisten as nubes para o tempo, o clima e a auga.

As bases do concurso foron publicadas o pasado 23 de marzo no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2o7QKua) e está dirixido a todos os centros de ensino de Galicia (educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional), que poderán participar en dúas categorías, organizadas en función das idades.

Cada centro poderá enviar ata un máximo de tres fotografías, das que se valorará a orixinalidade, excepcionalidade e valor artístico das mesmas, que serán obras orixinais e inéditas e non estarán retocadas por ningún programa informático.

Cómpre salientar que a importancia das nubes non só reside no seu atractivo estético, o que as ten convertido nunha fonte de inspiración de artistas, poetas e fotógrafos, senón tamén no feito de que son unha das principais incógnitas do estudo do cambio climático e teñen un papel decisivo no ciclo da auga e na estrutura da distribución global dos recursos hídricos.