Preto de 20.000 galegos participaron na campaña ‘Dálle luz á túa factura’ e recibiron consellos para aforrar no consumo eléctrico

A iniciativa, impulsada pola Xunta, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e o Inega, desenvolveuse entre os meses de agosto e decembro
Por o 08/01/2018 | Sección: Xunta de Galicia
Preto de 20.000 galegos participaron na campaña ‘Dálle luz á túa factura’ e recibiron consellos para aforrar no consumo eléctrico
Compartir en:

A campaña Dálle luz á túa factura, impulsada pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, chegou este ano a preto de 20.000 galegos que puideron coñecer, de primeira man, consellos para aforrar no seu consumo eléctrico.

A campaña, que se desenvolveu entre agosto e decembro de 2017, chegou a un total de 18 concellos nos que se impartiron charlas; a sete das principais localidades galegas (Lugo, Ferrol, Sanxenxo, Baiona, Ourense, Monforte de Lemos e A Coruña), nas que se instalaron mostradores informativos -unha das novidades desta campaña-; e visitou un total de 15 feiras, eventos e xornadas por toda Galicia.

Elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada, valorar a discriminación horaria, ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación, foron algúns dos aspectos que abordou esta iniciativa.

Xunto con isto, para que os consumidores puideran consultar as súas dúbidas, habilitouse o teléfono gratuíto 900 907 723 -que recibiu preto de 130 chamadas- así como a páxina de Facebook Dálle luz á túa factura, que complementaron o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC).

Tamén se puxo en marcha unha aplicación web para facilitar a comprensión do contido da factura e que incorpora unha ferramenta de cálculo que permite ao usuario tomar unha decisión de cara a aforrar economicamente. Esta aplicación leva máis de 6.000 visitas.

Axudar aos fogares galegos

A subministración eléctrica nos fogares é un ámbito prioritario para a Xunta polo que supón para o benestar e a economía das familias galegas, especialmente, as máis vulnerables. Neste sentido, o tícket eléctrico social ten permitido apoiar a 7.500 familias desde que se puxo en marcha en 2014, axudándolles ao pagamento da factura da luz con ata 300 euros ao ano. E, do mesmo xeito, tamén as axudas para afrontar os cortes de subministración, que permiten cubrir o custo de dúas mensualidades ao ano por fogar, chegaron a preto de 5.000 consumidores galegos.

Ademais, o Plan de vivenda que puxo en marcha o Goberno galego busca que a rehabilitación de vivendas e a construción de novas edificacións vaia encamiñada a promover a eficiencia enerxética e o uso de fontes de enerxía renovables.