Preto de 100 participantes en 15 artefactos protagonizan o domingo o ‘Flota Como Poidas’ na Ramallosa

A hilarante concentración de embarcacións arrancará ás 17:30 horas. Durante todo o día estará na Alameda a feira de oportunidades ‘Portobelo’ e ás 20:00 tocará a Banda de Música de Vincios
Publicado por o día 10/08/2018 na sección de Galicia,Nigrán

Preto de 100 participantes en 15 artefactos protagonizan  o domingo o ‘Flota Como Poidas’ na Ramallosa

Nigrán, 10/08/18.- O Concello de Nigrán organiza este domingo a xa tradicional concentración de “artefactos flotantes” chamada ‘Flota Como Poidas’, que terá lugar ás 17:30 horas ao carón da ponte da Ramallosa, no Río Miñor e esteiro de A Foz. Preto de 100 tripulantes a bordo de 15 hilarantes embarcacións sen motor voltarán a divertir e sorprender aos milleiros de asistentes que se achegan cada ano. A recollida de dorsais será no punto de saída o mesmo domingo de 16.00 a 16.30 horas, sendo obrigatorio o uso de chaleco salvavidas (corre a cargo de cada participante).

O evento coincidirá como cada ano coa feira de oportunidades ‘Portobelo’ de Ovalmi na Alameda de A Ramallosa, cunha vintena de comercios que ofrecerán as súas mellores ofertas durante todo o día. Ademais, ás 12:30 haberá unha actuación de danza moderna da ‘Escola A Paradela’ e e ás 20:00 horas a Banda de Música de Vincios ofrecerá o  concerto ‘Clásicos de onte’ .

O ‘Flota como poidas’ consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela. O Concello premiará o artefacto flotante máis currado e o máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao “Titanic” da edición.

 

O obxectivo primordial é achegar aos veciños e visitantes ao mar, promovendo actividades que fomenten a afición pola cultura marítima e que os máis pequenos tomen conciencia da nosa cultura marítima ao tempo que se divirten.