Preto de 20 mozos do exterior coñecen Galicia a través do campo de voluntariado 2019 de Portomarín

Os participantes, que están a traballar no castro de Portomarín, reciben a visita dos responsables de Emigración e Xuventude da Xunta de Galicia
Publicado por o día 26/08/2019 na sección de Galicia,Lugo,Xunta de Galicia

Preto de 20 mozos do exterior coñecen Galicia a través do campo de voluntariado 2019 de Portomarín

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e polo delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá aos mozos e mozas que están a participar no programa Campos de Voluntariado 2019, no castro de Castromaior, en Portomarín.

Unha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Consellería de Política Social a través das Dirección Xeral de Xuventude, coa que, como lembrou Miranda, “buscamos achegar a realidade, a cultura e a historia de Galicia aos mozos galegos que residen no exterior, dos que depende o futuro da diáspora e o seu vínculo coa súa terra de orixe”.

Neste marco, desde o pasado día 20 e ata o vindeiro mércores, este grupo formado por preto de 20 mozas e mozos de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai e Venezuela están a realizar “actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos”.

Concretamente, os labores de traballo de campo realízanos na posta en valor do castro de Portomarín, onde ademais levan a cabo visitas teatralizadas mediante as cales fomentan o coñecemento deste importante vestixio arqueolóxico entre os milleiros de peregrinos e peregrinas que percorren o Camiño Francés e que fan parada en Portomarín.

Así mesmo, polas tardes os rapaces están desenvolver un amplo abano de actividades, visitando lugares emblemáticos de toda Galicia como o casco vello de Santiago, a muralla romana de Lugo, ou as paisaxes únicas da Ribeira Sacra, entre outras.

Asemade, realizan actividades complementarias para facilitar a interrelación entre eles e para coa contorna, tales como bogadas e outras actividades náuticas e deportivas en xeral, actividades de animación, charlas formativas, visitas a lugares e museos de interese antropolóxico, ou mesmo preparación compartida de menús gastronómicos orixinais dos países nos que residen.

Un centenar de mozos

Nos últimos anos, un centenar de mozos teñen participado xa nesta iniciativa, facilitando o seu contacto directo coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Comentar noticia

Your email address will not be published.