Preto de 300 persoas participarán este sábado nas excursións do programa “EN RUTA COA DEPO”

Veciñas e veciños de catro concellos da provincia de Pontevedra realizarán visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico
Publicado por o día 18/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Preto de 300 persoas participarán este sábado nas excursións do programa “EN RUTA COA DEPO”

O programa “En Ruta coa Depo” organiza este sábado 19 de maio catro novas excursións na que participarán 270 persoas de catro concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 54 persoas da Asociación de Mulleres en Igualdade do Rosal farán unha ruta por Cambados, onde poderán visitar o Museo Etnográfico e do Viño, as ruinas de Santa Mariña Dozo, o conxunto histórico de Cambados, a bodega do Pazo de Fefiñáns (con degustación) e o Museo Molino de Mareas da Seca.

Pola súa banda, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Albor, de Valga, visitarán o conxunto histórico de Salvaterra do Miño, o parque da Canuda, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea (Arabo) e pesqueiras do Miño, en Arbo.

Tamén o sábado 19 de maio, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Azucareira, de Portas, poderán coñecer o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home, Cabo Udra e o Museo Massó, en Bueu.

Por último, 108 persoas da ANPA A Fracha, de Ponte Caldelas, farán unha ruta marítima por Arousa na que poderán visitar a Illa de Arousa, O Grove, o Museo da Salazón e o Xacemento da Lanzada.

“En Ruta coa Depo” ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas. O contido do programa consiste

en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa “En Ruta coa Depo” 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.