Preto de 6.000 inspeccións en materia de tabaco realizou a Consellería de Sanidade en dous anos

Así se recolle na Memoria da Dirección Xeral de Saúde Pública dos anos 2016 e 2017
Por o 27/01/2019 | Sección: Sanidad
Preto de 6.000 inspeccións en materia de tabaco realizou a Consellería de Sanidade en dous anos

Preto de 6.000 inspeccións, concretamente 5.928, realizou a Consellería de Sanidade, dentro da actividade do Plan Anual de inspeccións de tabaco. Estas cifras están recollidas na Memoria 2016-2017 que a Dirección Xeral de Saúde Pública vén de publicar. Neste documento, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña reflicte o traballo levado a cabo co obxectivo de defender a saúde da poboación galega, así como incrementar e evitar a perda desta, é dicir, traballar na protección e promoción da saúde e na prevención das enfermidades.

Realizáronse 125 inspeccións de parte, a partir das reclamacións recibidas da poboación nos anos 2016 e 2017, ás que hai que engadir as inspeccións de oficio que foron un total de 4.533. As inspeccións realizadas polas forzas e corpos de seguridade do Estado foron un total de 1.270.

As reclamacións recibidas, cen, no pasado ano, foron na súa maior parte, máis do 70%, por permitir fumar en lugares prohibidos, seguido dunha ausencia de sinalización nou incorrecta, 21%, fumar en lugares públicos, 5,6%; ou ausencia de automatismo na máquina expendedora, 2,8%.

A maioría da actividade inspectora céntrase nos locais de hostelería, 3.747 inspeccións, seguido dos centros de traballo, 373, e os locais de lecer diurno e nocturno.

Sinalar que o tipo de sanción imposta foi na maioría dos casos de carácter leve, 475 casos nos dous anos referidos, seguido de grave, cun total de 326 casos. Non rexistrándose infracción moi grave algunha.

Alcol

As denuncias e infraccións en matería de alcol tamén están recollidas na memoria da Dirección Xeral de Saúde Pública. Así, as denuncias foron un total de 1.312 nos anos 2016 e 2017, e o número de infraccións un total de 1.447. O número de concellos onde se cometeron as infraccións foi de 179. As denuncias segundo o remitente foron maioritariamente da policia autonómica, 1.107, seguida da Garda Civil, 163, e da cidadanía, con 44.

Contabilizáronse preto de 1.500 infraccións, sendo o tipo de infracción máis habitual nestes dous anos o consumo de bebidas alcohólicas por menores ou en posesión das mesmas, 766 casos, seguido da non sinalización de prohibición de venda e consumo de bebidas alcohólicas a menores, 511 casos.

Protexer ás xeracións presentes e futuras

Dende o ano 1993, a Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, ten en marcha o Programa Galego de Promoción da Vida sen Tabaco, que engloba todas as estratexias e actividades para conseguir diminuír a mortalidade e morbilidade causada por patoloxías asociadas ao consumo de tabaco; reducir o número de fumadores da nosa comunidade; atrasar a idade de inicio do consumo de tabaco; asegurar o cumprimento da normativa vixente; coñecer a evolución da epidemia tabáquica, e avaliar a efectividade das actividades implantadas polo programa.

En Galicia, aínda que o consumo de tabaco está a diminuír, as cifras de prevalencia de fumadores diarios (en poboación maior de 16 anos) é de 17,6%, chegando a un 25% no grupo de idade entre 25 e 44 anos. En España, a porcentaxe de fumadores diarios segundo a Enquisa Nacional de Saúde do ano 2017 é do 22,08%, superando o 28% no grupo de idade de 25 a 44 anos.

En materia de alcol, a lei actual, aprobada a finais de 2010, supuxo un fito importante na protección dos menores fronte a esta substancia. De todos os xeitos, tras oito anos de vixencia, precisa ser actualizada e mellorada. Os cambios que os técnicos da Consellería de Sanidade pretenden introducir no borrador da nova lei buscan avanzar na desnormalización do consumo así como incrementar a percepción de risco da poboación e, ademais, limitar no posible o acceso dos menores a estas bebidas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.