Preto de 600 mozos combinarán experiencias de lecer saudable con estadías en oito destinos do rural grazas a Xuventur 2018

A iniciativa, gratuíta e para a que está aberto o prazo de inscrición, desenvolverase nas fins de semana de outubro en diferentes contornas rurais das catro provincias
Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Turismo

Preto de 600 mozos combinarán experiencias de lecer saudable con estadías en oito destinos do rural grazas a Xuventur 2018

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentaron hoxe Xuventur 2018, o programa de educación non formal impulsado por ambos departamentos que combina o lecer saudable con estadías de fin de semana en establecementos de turismo rural no que poden participar preto de 600 mozos e mozas.

A edición deste ano permitirá que a xuventude galega coñeza a riqueza natural, cultural e patrimonial das catro provincias e que comproben as numerosas posibilidades do turismo rural en Galicia, con actividades que promovan a educación ambiental. “Xuventur é clave para sensibilizar á mocidade galega na capacidade do turismo como motor de desenvolvemento cultural, social e económico especialmente no rural”, indicou Nava Castro.

Neste sentido, recordou que, tomando como fío condutor os recursos naturais –o primeiro motivo polo que os turistas elixen Galicia– creáronse oito programas para fomentar o seu coñecemento, o coidado e contacto co medio e o goce da paisaxe. “Porque para respectar algo é imprescindible coñecelo e saber valoralo, de aí a relevancia deste proxecto”, subliñou.

Pola súa banda, Cecilia Vázquez explicou que entre os obxectivos do programa atópase mellorar as competencias e habilidades da xuventude a través da educación non formal, facilitar que a xuventude galega coñeza a xeografía e patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia, proporcionar á xente nova a oportunidade de vivir a experiencia do turismo rural de Galicia e promover a educación ambiental e o ocio saudable.

Nesta liña, engadiu que Xuventur pretende que “a mocidade desfrute participando en actividades de ocio e tamén formativas na procura de que o seu tempo de ocio lles sirva para divertirse e tamén para o enriquecemento persoal”.

De Ferrolterra ao Baixo Miño

Seleccionáronse diferentes áreas da xeografía galega que permitisen poder desenvolver as actividades propostas. Na provincia de A Coruña celebraranse en lugares como o Parque Natural das Fragas do Eume, Ferrolterra ou a Costa da Morte. Os participantes poderán elixir entre actividades para achegarse ao mundo do emprendemento, iniciativas para a observación astronómica, propostas de achegamento á intelixencia emocional a través de rutas a cabalo ou xogos de escapismo e mesmo cursos de iniciación ao surf, entre outros.

En Lugo, a Mariña Lucense será o lugar no que participar en diferentes actividades de ecoturismo, incluíndo rutas de sendeirismo nocturnas, visitas culturais a lugares como Mondoñedo e Ribadeo ou xornadas de observación de aves. No Courel, desenvolveranse varias actividades de turismo creativo, con performances, artes escénicas ou obradoiros de creación literaria. As actividades de emprendemento no rural con novas tecnoloxías celebraranse nos Ancares.

Outro dos oito programas deseñados en Xuventur 2018 céntrase en actividades de crecemento persoal e desfrute do medio rural. Serán na provincia de Pontevedra, concretamente no Baixo Miño. Os participantes poderán aprender técnicas de relaxación, tácticas de iniciación ao ioga ou formar parte de obradoiros de masaxe ou recoñecemento de prantas medicinais, entre outras. O programa tamén permitirá aproximarse a actividades de inmersión e coñecemento do Parque Natural do Xurés, na provincia de Ourense. Inclúense roteiros polo parque, recoñecemento de especies de flora e fauna ou visita e baño en varias termas mineromedicinais, entre outras moitas.

A iniciativa, gratuíta e para a que está aberto o prazo de inscrición para mozos e mozas de 18 a 30 anos, prográmase para as fins de semana de outubro. Inclúe aloxamento en establecementos turísticos de Galicia situados no medio rural, manutención completa desde a cea do venres ata o almorzo do domingo e programa de actividades, equipo técnico responsable, así como o material preciso para o seu desenvolvemento.

As persoas interesadas teñen toda a información nas páxinas web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e na de Turismo de Galicia e poden inscribirse neste enlace.