Preto de 700 beneficiarios das axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación forestal poderán xestionar unhas 200.000 hectáreas de monte ao longo deste ano 2021

Estas achegas enmárcanse no contexto de transición verde que establece o Pacto Verde e a nova Estratexia Forestal Europea, e no cumprimento do Plan Forestal 2021/2040, de cara á neutralidade carbónica
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Preto de 700 beneficiarios das axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación forestal poderán xestionar unhas 200.000 hectáreas de monte ao longo deste ano 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural sobre as axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais. Neste senso, un total de 677 beneficiarios poderán elaborar ao longo do presente ano 2021 os seus instrumentos en case 200.000 hectáreas de monte galego, cunha achega por parte da Administración galega duns 4,5 millóns de euros.

Así, dos case 700 beneficiarios un total de 58 son da provincia da Coruña, 199 de Lugo, 258 de Ourense e 162 de Pontevedra. En canto á superficie a ordenar, case a metade das hectáreas son na provincia de Ourense, con 80.605 hectáreas; outras 66.854 hectáreas son na de Lugo, 37.228 en Pontevedra e 11.554 na Coruña.

O fin último destas axudas é a consolidación da propiedade forestal mediante unha xestión sustentable demostrada, toda vez que ditas axudas están vinculadas a un compromiso dos beneficiarios de obter un selo de certificación nun período dun ano dende o seu pagamento. Cómpre lembrar que este certificado, expedido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente (PEFC ou FSC) tras unha auditoría previa, asegura que esa xestión forestal cumpre cos estándares de sustentabilidade económica, social e medioambiental que esixen as novas políticas de neutralidade climática e transición verde.

Precisamente, con estas axudas tramitadas desde a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, cúmprese o disposto na Lei de montes de Galicia, que establece que os terreos forestais deberán dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal. Desta forma, potenciarase o desenvolvemento da potencialidade multifuncional dos montes nos seus valores económicos, sociais e ambientais, ao mesmo tempo que se inicia o cumprimento de obxectivos fixados no Plan Forestal 2021-2040, de “Cara á neutralidade carbónica”. Desta forma, preténdese ter ao remate do seu período de vixencia unhas 850.000 hectáreas de monte baixo con instrumentos de ordenación ou xestión forestal e de 650.000 hectáreas baixo sistemas de certificación forestal.

Ademais, cabe sinalar que estes instrumentos de ordenación promoven os servizos ecosistémicos, tales como o secuestro de carbono, a protección dos solos, da auga, o mantemento da biodiversidade ou a preservación da calidade paisaxística. Asemade afondan na posta en valor e multifuncionalidade de todos os recursos forestais que proveen os montes; madeira, biomasa, resina, cogomelos, pasteiros ou cortiza, así como a creación das infraestruturas verdes e a execución das actuacións necesarias para a prevención contra os incendios forestais.

Enlace á resolución do DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210118/AnuncioG0426-281220-0006_gl.html

Comentar noticia

Your email address will not be published.