Preto de 9.000 visitantes na Oficina Turismo Centro Galego de Barcelona

Inaugurada en xaneiro de 2018 grazas a un convenio asinado pola entidade con Turismo de Galicia, entregou ao redor de 7.000 credenciais para facer o Camiño de Santiago
Publicado por o día 20/08/2019 na sección de Turismo,Xunta de Galicia

Preto de 9.000 visitantes na Oficina Turismo Centro Galego de Barcelona

Buscando, sobre todo, información sobre o Camiño de Santiago e a costa galega, preto de 9.000 visitantes acudiron á Oficina de Turismo aberta no Centro Galego de Barcelona no seu primeiro ano e medio de funcionamento. O 90 por cento deles son cataláns, mentres que o resto son, maioritariamente, turistas estranxeiros de paso pola capital catalá que mostran interese por Galicia como destino para próximas viaxes.
 
O Punto de Información Turística de Galicia situada no Centro inaugurouse en xaneiro de 2018 grazas a un convenio desta entidade con Turismo de Galicia, dependente da Xunta, que sufragou os gastos de rehabilitación e acondicionamento do espazo. Un acordo enmarcado, por parte do ente autonómico, na Estratexia de Turismo de Galicia 2020 e, no que respecta ao Centro Galego, no seu obxectivo de ampliar as súas posibilidades de promoción de Galicia e de facer da entidade algo máis que un mero lugar de encontro para os galegos residentes en Barcelona.
 
A maioría dos visitantes chegan á oficina buscando información sobre o Ruta Xacobea e os seus tramos galegos, especialmente sobre guías, condicións, albergues e outras opcións de aloxamento. Nese sentido, cabe destacar que nestes primeiros 18 meses entregáronse ao redor de 7.000 credenciais para facer o Camiño de Santiago.
 

COSTA, GASTRONOMÍA E ALOXAMENTOS DE CALIDADE

 
A costa galega é outro dos puntos destacados de interese para quen visita este punto de información turística, que consultan sobre posibles lugares de praia para pasar as vacacións estivais ou roteiros ao longo do litoral. Así mesmo, son frecuentes as solicitudes de información sobre gastronomía e aloxamentos de calidade e con encanto, xunto con consultas relacionadas co patrimonio cultural da Comunidade.
 
Por outra banda, rexistráronse tamén peticións máis concretas como organización de viaxes a medida, reserva de albergues, roteiros alternativos, saídas con encanto, vistas de paisaxes mariñas, faros ou visitas a espazos naturais.
 
Atendido por unha técnica en Turismo, ademais de todo tipo de explicacións, o Punto de Información Turística ofrece aos seus visitantes folletos e outro tipo de documentación sobre todas as posibilidades que ofrece Galicia. O Centro Galego chegou recentemente a un acordo co Consorcio de Turismo de Barcelona –Barcelona Turisme-, polo que este informará a quen acuda ás súas oficinas sobre a existencia e oferta da Oficina de Turismo do Centro.