Preto do 40% dos concellos con Policía Local delegaron na Xunta o proceso selectivo de acceso a estes corpos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, explicou hoxe no Parlamento galego que este ano se convocarán a través deste procedemento 109 prazas de auxiliares e 39 de policía
Por o 16/05/2018 | Sección: Xunta de Galicia
Preto do 40% dos concellos con Policía Local delegaron na Xunta o proceso selectivo de acceso a estes corpos

Case o 40% dos 129 concellos galegos que contan actualmente con Policía Local decidiron delegar na Xunta os procesos selectivos de acceso ás prazas de auxiliares e policías. En total, 50 concellos asinaron o convenio para adherirse a esta convocatoria centralizada que será liderada pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Así o explicou hoxe o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, nunha resposta parlamentaria na que explicou que as oposicións centralizadas deste ano suman un total de 109 prazas de auxiliares e 39 de policía dos concellos que comunicaron vacantes para esta convocatoria.

O proceso selectivo dos auxiliares é o que máis avanzado está. Onte mesmo o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a lista de admitidos, que deberán presentarse ás probas físicas este sábado, 19 de maio, e ao exame teórico o próximo 26 de maio. Posteriormente, realizarán o curso selectivo e procederán á elección de concellos, de xeito que os contratos poidan iniciarse nos primeiros días do mes de xuño e cumprir así a demanda dos concellos de contar con este persoal para a tempada estival.

Pola súa banda, as bases do procesos para as prazas de Policía xa foron aprobadas polo grupo de traballo de desenvolvemento normativo. O obxectivo é convocar as probas desta primeira promoción no mes de xuño, cando xa estea rematado o procedemento dos auxiliares.

Esta iniciativa é froito da sinatura dun protocolo de colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e a Federación Galega de Municipio e Provincias (Fegamp), que se plasmou posteriormente coa publicación no DOG do decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración Xeral da Comunidade Autónoma cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local.

A posta en marcha deste proceso supón un importante avance que permitirá mellorar a profesionalización da Policía Local, ao tempo que facilita a xestión dos concellos, evitando cargas e posibilitando a cobertura de vacantes e a mellora dos cadros de persoal destes corpos.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.