Primeira aplicación WEB de turismo nas Rías Baixas para dispositivos móbiles

Publicado por o día 16/02/2016 na sección de Internet,Turismo,Vigo

Primeira aplicación WEB de turismo nas Rías Baixas para dispositivos móbiles

Destino.gal recolle xa máis de 1.100 puntos de interese na provincia de Pontevedra

Destino.gal busca converterse na páxina web de referencia do turismo nas Rías Baixas. Cunha recollida detallada de máis dun milleiro de destinos nos distintos Concellos de Pontevedra, esta aplicación pioneira está dispoñible para Android, aínda que xa está sendo adaptada a outros sistemas.

A día de hoxe a web – que está en expansión diaria- recolle máis de 1.100 puntos de interese nos diferentes concellos da provincia de Pontevedra. Entre estes emprazamentos atópanse monumentos arquitectónicos, rutas de sendeirismo, así como oferta hoteleira, gastronómica e de ocio, ficando todo os elementos organizados por concello ou comarca e acompañados de información gráfica.

Esta aplicación conta cunha ampla variedade de ferramentas para facilitar a visita ás Rías Baixas, así como co apoio do servizo de GPS e información sobre os puntos que o usuario vaia visitando.

Dende a empresa galega ContaLocal SL lanzamos este proxecto para  apoiar o fomento do turismo local e facilitar o acceso á máxima cantidade de información sobre a zona que sexa posible. Destino.gal está deseñada para que sexa doada de navegar e incorpora información en tres idiomas (galego, castelán e inglés), aínda que a información existente nestes intres está en proceso de tradución completa ás tres linguas. No futuro incorporarase ademais a tradución ao Francés e ao Portugués.

Entre outras novidades, permite que cada establecemento turístico poida publicar os eventos que realice, sendo estes recibidos en xeito de notificacións nos dispositivos móbiles dos usuarios. Tamén dispón dun buscador avanzado que permite acoutar ao máximo as buscas.

Cada establecemento pode administrar o seu propio contido, incorporando nova información, fotografía, vídeos, etc, ademáis de poder publicar cartas, ofertas ou todo aquela información que despois poida ser utilizada para poder localizado a través do buscador avanzado, utilizando para iso os formularios que xa están colgados ó final da web, e onde se pode ver a cantidade de contido polo que despois se poden xerar filtros para a búsqueda.

Destino.gal desenvólvese sen facer uso de subvencións nin patrocinios, co afán primeiro de amosar e invitar ao usuario a desfrutar da que consideramos unha das zonas máis fermosas deste recanto do mundo.

Pódese descargar directamente dende a web: WWW.DESTINO.GAL sendo totalmente gratuíta.