A primeira fase do Plan de transporte público de Galicia permitirá duplicar o número de paradas de autobús en preto de 200 concellos, beneficiando a 1,7 millóns de galegos

Os anteproxectos dos contratos de explotación poden consultarse na web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e os interesados poden presentar alegacións durante dez días
Publicado por o día 30/05/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

A primeira fase do Plan de transporte público de Galicia permitirá duplicar o número de paradas de autobús en preto de 200 concellos, beneficiando a 1,7 millóns de galegos

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que a posta en marcha da primeira fase do novo Plan de transporte público de Galicia permitirá mellorar o funcionamento deste servizo en preto de 200 concellos galegos. Neles máis que duplicarase o número de paradas de autobús xeral e 1,7 millóns de persoas terán unha parada a menos de 500 metros da súa casa. A conselleira concretou que, grazas á integración de 500 liñas de transporte escolar no transporte regular, pasarase de 2.100 a 4.500 paradas de autobús de transporte regular.

Vázquez Mourelle, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, puxo en valor estas cifras nunha rolda de prensa na que anunciou o inicio da información pública de 42 anteproxectos de explotación de transporte público de pasaxeiros que garanten a continuidade de todos os servizos actuais, reforzados na maioría dos casos.

Os anteproxectos dos contratos de explotación poden consultarse na web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda: http://civ.xunta.gal/tema/c/CIV_Transporte_de_viaxeiros e os interesados poden presentar alegacións durante dez días.

Ademais, durante este período as empresas poden trasladar á Consellería o seu interese por participar no proceso de adxudicación dalgún deses contratos.

Vázquez Mourelle subliñou que unha vez rematado este proceso estudaranse as alegacións para, ao longo do mes de xuño, aprobar os proxectos definitivos e iniciar a súa contratación de cara a que en agosto se comece a implantación dos novos servizos.

A responsable de Infraestruturas sinalou que este incremento de paradas é unha das vantaxes da integración do transporte escolar no de uso xeral, que permite eliminar duplicidades e aproveitar prazas baleiras. Así, 500 rutas escolares, o 10% do total das vixentes en Galicia, integraranse no transporte de uso xeral, blindando as necesidades dos estudantes e mellorado o servizo ao ter o acompañante garantido.

Os contratos de uso xeral actualmente vixentes, supoñían que os autobuses percorrían uns 11 millóns de km ao ano. Non obstante, cos novos contratos, nas zonas de implantación desta primeira fase do Plan de Transporte Público aumentará este número en case un 50% para chegar a 16 millóns de km.

Características dos novos contratos

O director xeral de Mobilidade explicou que estes anteproxectos, aos que calquera persoa ou entidade poderá acceder a través da web da consellería e presentar alegacións no prazo de 10 naturais a contar desde mañá, teñen unha estrutura común. Para unha zona territorial de Galicia concreta, cómpre definir as liñas, rutas, horarios e paradas ás que estará obrigado o contratista. Defínense aquí xa os transportes escolares que se integrarán no transporte xeral, priorizando a prestación do adecuado servizo aos centros escolares. Isto empezará a ser efectivo co inicio do curso e estableceranse sistemas para que funcione fóra do período lectivo mediante unha reserva do servizo.

Tamén se especifican o número de vehículos necesarios para levar a cabo a concesión, establecendo unha media de 13 autobuses por contrato para adecualos á realidade do sector, moi atomizado con pequenas e medianas empresas de transportes. Deste xeito, resultará doado que case calquera empresa, en solitario ou en UTE con outra, teña capacidade para optar a eles.

Os anteproxectos recollen tamén as tarifas base que se resumen nun prezo por billete de transporte escolar que pagará a Administración directamente ao transportista e un prezo por billete para usuario non escolar que pode ser, en función dos km, e unha tarifa única para toda Galicia de 1,40 euros para os viaxeiros de curto percorrido.

Estes contratos terán unha duración de 22 meses, prorrogables por outros dous en caso de ser necesarios e neles anticipar solucións e fórmulas para avaliar o seu funcionamento e, en decembro de 2019, poñer en marcha a reordenación integral do transporte público en Galicia.

Aproveitar sinerxías

Ignacio Maestro indicou que o espírito do Plan é que o transporte chegue ata onde non chegaba, aproveitando as sinerxías; mellorar servizos e coordinar horarios entre autobuses e coas necesidades veciñais; e ter unha especial consideración cos veciños do rural.

Estes contratos inician o necesario proceso de modernización e optimización do transporte público iniciando, nalgúns lugares, un aproveitamento dos asentos baleiros dos autobuses escolares e que xa, nesta primeira fase, configurará unha mellora palpable en moitos concellos de Galicia, especialmente no rural.

Os obxectivos deste Plan son garantir os servizos; racionalizar a oferta, de forma que no lugar e no momento en que estea acreditado que fai falta, haxa o tipo de vehículo necesario para prestar o servizo de transporte público; e aproveitar as sinerxías, especialmente as que ofrece o transporte escolar no rural.

Traballo exhaustivo e participado

A conselleira explicou que no marco desta primeira fase, a Xunta dividiu o territorio en seis zonas e adxudicou seis contratos a consultoras especialistas na materia que realizaron un exhaustivo análise da realidade do transporte público en cada municipio, tomando nota das demandas e das carencias.

Configurouse tamén un panel de expertos en transportes, que veñen realizando un labor de coordinación dos diferentes estudos de xeito que en ningún momento se perda a perspectiva global. Ademais mantivéronse reunións con todos os concellos e enviáronselle 279 enquisas, con 169 respondidas.

Con todo o material resultante desa análise a Xunta planificou a mellor forma de manter os servizos públicos de transporte e mellorándoos en todo o posible. O resultado desa planificación son os proxectos de explotación, mediante contratos, das liñas de transporte público que hoxe inician o seu proceso de información pública.

Ethel Vázquez puxo o acento no nivel de exhaustividade deste traballo de estudo e planificación concentrado en tan curto período de tempo.

Precisou que para avaliar estes anteproxectos foi preciso achegarse a practicamente 200 concellos para analizar o transporte que hai na actualidade, o que se necesita e o mellor xeito de atender esas necesidades, tendo en conta factores tan dispares como o día de feira, de subministración do sintrom no centro de saúde ou a situación do concello.