Primeira vitoria do EXP-Uvigo-Xadrez Estratexia pola Paz

As corredoras e corredores vigueses volveron de Parada do Sil con tres medallas e un 4º posto
Publicado por o día 07/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

Primeira vitoria do EXP-Uvigo-Xadrez Estratexia pola Paz

Esta fin de semana deixa un bo sabor de boca a nivel deportivo para os equipos universitarios vigueses, xa que o EXP-Uvigo-Xadrez Estratexia pola paz, actual campión galego, acadou a súa primeira vitoria da liga ante o equipo lugués Xaquedrum A. Tampouco lle foron mal as cousas ao equipo de Orientación no arranque da liga galega 2018, os seus deportistas volveron de Parada de Sil con tres medallas e un cuarto posto.

Foi unha viaxe complicada a Lugo pola distancia e a adversa situación meteorolóxica da xornada pero, pese a todo, o EXP-Uvigo-Xadrez Estratexia pola Paz conseguiu imporse ao Xaquedrum A e acadar un contundente resultado 1.5-4.5 que lle permite aos pupilos de Pablo García reporse da derrota sufrida na primeira ronda ante o Fontecarmoa.

Sen maiores incidencias ca un leve retraso no horario de inicio das partidas comezou un encontro no que, a priori, a superioridade dos universitarios púxose en entredito. Tras un empate do capitán e unha derrota de Alejandro Portela, chegaron as vitorias de David García, Miguel Senlle e Rubén Fernández, un dos valores máis prometedores deste equipo. “Como dato da dura batalla presentada polos locais, sirva de exemplo a vitoria do Mestre Daniel Rivera, primeira partida en superar as cinco horas de xogo e na que tivo que resolver o complicado mate do rei alfil e cabalo contra rei”, explicou García.

A próxima xornada disputarase o 17 de febreiro nun encontro no que os vigueses recibirán ao líder da clasificación provisional, o Xadrez Tui, un equipo con moitas caras coñecidas como as dos mestres internacionais Astaneh, Rodríguez López e Páramos ou os ex-campións galegos Carrera e Leirós, todos eles ex-xogadores do Universidade de Vigo. A próxima fin de semana non haberá liga pola celebración dos campionatos galegos sub18 e sub14 que se celebrarán do 10 ao 13 de febreiro en Ferrol e aos que acudirán Pablo Vidal e Rubén Fernández como principais bazas do equipo vigués.

Bo arranque de tempada para o equipo de Orientación

A nova tempada de carreiras de orientación, tamén denominada Campionato Galego de Longa Distancia, tivo como escenario as privilexiadas paisaxes de Parada do Sil, en Ourense, dentro das comunidades de montes de Parada, Fondo de Vila, Chamoso e Cudicán, todos lugares incluídos dentro da Rede Natura.
Desprazáronse ata alí 29 corredores e corredoras logrando Ana Iglesias o posto de subcampioa galega en categoría F-40; Diego Pérez, subcampión galego en categoría M-12, e Patricio Peláez, terceiro en categoría M-45. Sen esquecerse tampouco do 4º acadado por Germán Pérez.

Previamente ao arranque da liga galega a semana pasada disputouse en Burgohondo, Ávila, a primeira proba da liga nacional coincidindo co campionato ibérico masculino e no que a corredora Begoña Crespo conseguiu un merecido terceiro posto.