Primeira xuntanza de traballo do futuro grupo parlamentario de EN MAREA

Luís Villares: “Levaremos unha mensaxe de dignidade ao Parlamento e o traballo institucional será o resultado do traballo de rúa”
Publicado por o día 30/09/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

Primeira xuntanza de traballo do futuro grupo parlamentario de EN MAREA

Esta tarde tivo lugar a primeira das xuntanzas previstas dos deputados e deputadas electas de En Marea co obxectivo de realizar unha primeira toma de contacto e comezar a traballar e deseñar as prioridades do futuro grupo parlamentario.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, momentos antes do arranque da xuntanza declarou a vontade do grupo parlamentario de trasladar unha mensaxe de dignidade ao Parlamento. “A cidadanía falou e levou ata o Parlamento de Galicia un grupo de 14 deputados e deputadas que levarán unha mensaxe de dignidade, a nosa primeira función alí“. Así mesmo xa avanzou que o grupo parlamentario priorizará o traballo directo coa cidadanía pois “o traballo institucional será o resultado do traballo na rúa“. “Seguiremos a falar ao longo e ancho do país durante estes catro anos e polo tanto o noso traballo parlamentario será a resultante de aplicar o noso programa e de escoitar á cidadanía“ declarou Luís Villares.

“Esta primeira reunión do grupo parlamentario pretende ser unha toma de contacto, ver os puntos fortes e o percorrido do traballo institucional e a aproximación ao traballo de rúa que queremos facer co obxectivo de chegar a todos os sectores e ámbitos tendo claro que En Marea naceu ao servizo da cidadanía do común e para estar en permanente contacto coa xente“.

No relativo ao reparto de funcións dentro do Grupo parlamentario de En Marea, Luís Villares asegurou que “se fará tendo en conta os puntos fortes de cada un dos deputados de En Marea“.