Primeiros resultados do proxecto TurGaSur, 11 mostraxes de fotoidentificación en áreas mariñas Rede Natura 2000 na ría de Vigo

Realizadas 11 mostraxes de fotoidentificación en áreas mariñas Rede Natura 2000, rexistrados 25 avistamentos de arroaces, e recollidas 13.256 fotografías que pasan a formar parte do banco de imaxes das aletas dorsais dos arroaces de Galicia.
Publicado por o día 28/05/2019 na sección de CEMMA,Galicia,Social,Vigo

Primeiros resultados do proxecto TurGaSur, 11 mostraxes de fotoidentificación en áreas mariñas Rede Natura 2000 na ría de Vigo

Realizadas 11 mostraxes de fotoidentificación en áreas mariñas Rede Natura 2000, rexistrados 25 avistamentos de arroaces, e recollidas 13.256 fotografías que pasan a formar parte do banco de imaxes das aletas dorsais dos arroaces de Galicia.

PROXECTO

O pasado mes de decembro, a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños-CEMMA (http://www.cemma.org) puxo en marcha o proxecto “TurGaSur: seguimento e mellora do coñecemento da Unidade de Xestión Tursiops truncatus Galicia Sur en áreas Rede Natura 2000″ (http://www.cemma.org/turgasur_gal.htm), contando co apoio da Fundación Biodivesidad (https://fundacion-biodiversidad.es/es) do Ministerio para la Transición Ecológica, a través da Convocatoria 2018 de concesión de axudas da Fundación Biodiversidad, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades no ámbito da biodiversidade terrestre, biodiversidade mariña e litoral, e o fomento da información ambiental.

TurGaSur está adherido ao LIFE IP INTEMARES (http://www.intemares.es), o maior proxecto de conservación mariña que se está a desenvolver nestes momentos en Europa.

O obxectivo xeral do proxecto TurGaSur é contribuír á conservación dos arroaces (Tursiops truncatus) a través das áreas mariñas Rede Natura 2000 e da participación social.

Como obxectivos específicos de TurGaSur podemos sinalar os seguintes:

– Mellorar o coñecemento sobre a estrutura social e o uso do hábitat da Unidade de Xestión Tursiops truncatus-Galicia Sur.

– Avaliar e promover as áreas mariñas Rede Natura 2000 como elementos de importancia para a conservación da Unidade de Xestión Tursiops truncatus-Galicia Sur.

– Potenciar a participación social como ferramenta fundamental para a conservación das áreas protexidas e das especies ameazadas, mediante a participación en mostraxes científicos.

Para levar a cabo este proxecto e poder realizar os traballos de monitorización de cetáceos, a CEMMA conta con autorizacións administrativas expedidas por la Subdirección General para la Protección del Mar-Ministerio para la Transición Ecológica, e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural-Xunta de Galicia, xa que os arroaces son unha especie protexida.

O proxecto finalizará no vindeiro mes de outubro, e nestes momentos xa se obtiveron os primeiros resultados, que presentamos a continuación.

MOSTRAXES FOTOIDENTIFICACIÓN

Unha das principais accións establecidas dentro do proxecto é a realización de mostraxes nas áreas Rede Natura 2000 da Ría de Vigo e augas próximas. Ata o momento, xa se realizaron 11 das 20 mostraxes que está previsto levar a cabo.

Estas mostraxes realízanse seguindo a metodoloxía de transecto lineal e fotoidentificación, e consisten en percorrer as zonas de estudo para tratar de localizar as manadas de arroaces e realizar fotografías das súas aletas dorsais. Deste xeito, se pode chegar a identificar individualmente a cada exemplar, mediante as marcas (cicatrices e feridas) propias e características que presentan na súa aleta dorsal.

As 5 áreas Rede Natura 2000 da Ría de Vigo e augas próximas nas que se están a realizar as mostraxes son as seguintes: ZEC Enseada de San Simón, ZEC Costa da Vela, ZEC Illas Cíes, ZEC Illas Estelas e ZEPA Espazo mariño Rías Baixas.

Durante estas primeiras 11 mostraxes, se realizaron un total de 61,1 h de observación ao longo de 583,6 km de transecto de mostraxe. Se rexistraron un total de 25 avistamientos de arroaces, realizándose rexistros da presenza da especie en todas as mostraxes. A duración total destes avistamentos foi de 16,1 h. Durante este período de monitorización dos cetáceos, se realizaron un total de 13.256 fotografías.

Nestas mostraxes cabe destacar especialmente a participación dun total de 26 persoas voluntarias, que recibiron formación técnica específica para participar nelas, e que forman parte do equipo de voluntariado do proxecto, formado por 115 persoas. O voluntariado que participa nas mostraxes recibe unha camiseta e un certificado de participación no proxecto, e no se limita simplemente a acompañar ao equipo técnico da CEMMA, senón que ten unha actuación e participación moi activas a bordo, grazas aos coñecementos adquiridos nas xornadas de formación técnica específica ás que asistiron.

RECAPTURAS DE INDIVIDUOS RECOÑECIDOS

Outra das importantes accións que se están a executar dentro do proxecto TurGaSur consiste en recompilar, catalogar e revisar o arquivo fotográfico dos arroaces fotografados e fotoidentificados en Galicia pola CEMMA a lo longo dos últimos 20 anos.

Estamos a falar dun arquivo formado por máis de 62.000 fotografías, e máis de 580 aletas dorsais diferentes, que constitúen un elemento de grande importancia para poder obter información sobre diferentes parámetros poboacionais e ecolóxicos dos arroaces: desprazamentos, estrutura social, uso do hábitat, grao de residencia e reprodución.

A pesares de que aínda queda moito traballo por realizar, a revisión deste enorme arquivo fotográfico, e a incorporación dos datos obtidos nas mostraxes TurGaSur, así como os procedentes doutras entidades e persoas que están a colaborar co proxecto, permitiu obter información de grande interese referida ás recapturas fotográficas de individuos que tiñan sido rexistrados con anterioridade.

Entre os casos más interesantes de recaptura de individuos fotoidentificados que foron localizados ata o momento, caben destacar o rexistro de grandes desprazamentos de máis de 1.000 km ao longo da costa galega, a comprobación de que varios exemplares que foron rescatados de varamentos (algúns deles acompañados dos seus cachorros) conseguiron sobrevivir, ou o rexistro de exemplares que son coñecidos dende hai case 20 anos.

AGRADECEMENTOS

Queremos agradecer ao equipo de voluntariado do proxecto TurGaSur a súa participación nas mostraxes e o excelente traballo realizado a bordo, así como o seu grande interese nas distintas accións que se están a executar dentro do proxecto, e nos primeiros resultados que se están a obter.

Agradecemos tamén a todas as persoas e entidades que están colaborando activamente, enviando información sobre avistamentos, e especialmente aquelas que, ademais, aportan fotografías das aletas dorsais dos animais.

Realización de fotografías a bordo da “Toniña Un” durante a mostraxe TurGaSur TGS03, realizada o 12/02/2019 nas augas da Ría de Vigo.
Arroaces fotografados o 15/03/2019 durante a mostraxe TurGaSur TGS05 na área Rede Natura 2000 ZEPA Espacio mariño Rías Baixas.
Arroaces fotografados o 14/05/2019 durante a mostraxe TurGaSur TGS10 na área Rede Natura 2000 ZEC Illas Estelas.
Monitorización fotográfica dunha manda de arroaces a bordo da “Toniña Un” durante a mostraxe TurGaSur TGS03, realizada o 12/02/2019 nas augas da Ría de Vigo.
Equipo de voluntariado participante na mostraxe TurGaSur TGS03, realizada o 12/02/2019 nas augas da Ría de Vigo.