Principio de acordo para eliminar a violencia en Príncipe Felipe

Os informes dos técnicos da Deputación de Pontevedra pasarán a ser vinculantes á hora de admitir aos menores nos centros de acollemento.
Por o 20/07/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra
Principio de acordo para eliminar a violencia en Príncipe Felipe

Deputación e Xunta acadaron hoxe un principio de acordo para solucionar o problema da violencia en Príncipe Felipe: redactarase un novo convenio de colaboración no que quedará fixado que os informes dos técnicos provinciais serán vinculantes á hora de admitir ou manter aos menores nos centros de acollemento.

Así o acordaron hoxe nun encontro o vicepresidente César Mosquera, a deputada delegada de Príncipe Felipe Eva Vilaverde e o director do centro Jose Ramón Couto, a directora de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, e o delegado Cores Tourís. Nos vindeiros días as dúas institucións traballarán na redacción e intercambio dos borradores do novo convenio, coa intención de deixar claro cada punto específicamente.

Segundo manifestou Vilaverde, a Xunta recoñeceu a existencia dun problema de violencia no centro, unha cuestión que cualificou de “salto cualitativo” na postura autonómica. “A partir desa base, que entenderon que había que solucionar un problema de violencia en Príncipe Felipe, pola nosa parte temos toda a disposición a falar, como fixemos sempre”, subliñou a nacionalista.

Así, o tema central da reunión de hoxe foi a situación de violencia e ameazas creada polos menores conflitivos, apenas catro ou cinco do total de 210 rapaces e rapazas usuarios do centro, que “nunca foron un problema e seguen sen selo”, dixo a deputada.

Vilaverde indicou que a Xunta optou pola primeira das catro solucións plantexadas dende a Deputación para solucionar os problemas existentes: que os informes dos técnicos provinciais deben ser vinculantes.

A partir de agora, co novo convenio, a decisión sobre a admisión e permanencia dos menores dependerá tamén dos técnicos provinciais, tal e como reclamaba a Deputación. Cando os técnicos provinciais indiquen que un menor non ten o perfil axeitado para estar nos centros de acollemento de Príncipe –violencia, adicións…-, será derivado a outro centro que si teña os recursos necesarios para as súas características.

“Entenderon que Príncipe Felipe ten que ter capacidade de decisión á hora de decidir que nenos e nenas entran ou saen da institución. Príncipe Felipe está xestionado e é titularidade da Deputación e, polo tanto, para nós era unha liña vermella da que non podíamos baixar. Parece que iso quedou claro, que teremos que ter capacidade de decisión, e estamos a traballar para redactar este novo convenio nos termos nos que hai que facelo”, asegurou.

Hai que lembrar que a Deputación de Pontevedra plantexara á Xunta de Galicia outras tres opcións para resolver a problemática da violencia nos centros de acollemento.

Estas propostas supoñían que a Consellería crease en Príncipe Felipe unha sección para a Unidade de Primeira Acollida (UPA) totalmente independente dos demais centros de acollemento en terreos cedidos pola Deputación; que a Consellería trasladase a UPA para outra localización fóra de Príncipe Felipe; e finalmente, que se constituíse temporalmente, mentres se estudaba a posibilidade da transferencia, un consorcio entre Xunta e Deputación asumindo ao 50% os gastos, para que Príncipe Felipe funcionase coas normas que pretendía o executivo galego.

O novo goberno da Deputación de Pontevedra leva intentando resolver os problemas derivados das condutas violentas dos menores enviados pola Xunta aos centros de acollemento de Príncipe Felipe dende hai dous anos. Estes menores , segundo informou o propio director do centro, están a producir problemas de seguridade diarios tanto para o resto de menores que conviven no centro como para os traballadores, que reciben ameazas e agresións de xeito reiterado.

As comunicacións destas situación tanto á Consellería como incluso á Fiscalía de Menores foron continuas. Dende o mes de abril deste ano chegáronse a enviar ata 13 informes e actas de avaliación no que as comisións de técnicos provinciais solicitaban o cambio de centro de varios menores, non só baseándose nos seus problemas de conduta, senón na seguridade para si mesmos e para os demais menores. Estes informes non foron tidos en conta nin contestados dende a Xunta, xa que no vixente convenio, que a Deputación considera que ten “cláusulas abusivas” e “claras disfuncións”, establecíase que unicamente eran resolutivos os informes autonómicos.