Profesionais do deporte de elite abordan no campus a prevención e recuperación de lesións

Formaron parte dos equipos técnicos de Real Madrid ou Liverpool
Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Universidade de Vigo

Profesionais do deporte de elite abordan no campus a prevención e recuperación de lesións

O preparador físico Eduardo Domínguez, que ten traballado con clubs como o Celta, o Deportivo, o Español ou a Real Sociedad; o profesor Luís Casais, que exerceu como preparador e readaptador en clubs como o Spartak de Moscova; o fisioterapeuta Juan Martínez, que traballou para o Celta e o Rubin Kazán ruso; o readaptador Cristian Fernández, que traballou no Newcastle e no Hull FC británicos; e Eduardo Parra, que foi recuperador e preparador físico no Real Madrid ou no Liverpool. Estes son varios dos docentes que desde este luns participan, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no curso de Extensión Universitaria Estratexias para a prevención e recuperación de lesións na actividade física e o deporte. Coas súas 75 prazas cubertas, este seminario ten como propósito ampliar a formación de estudantes e titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte nunha función “que agora mesmo está xerando moita demanda laboral”, como sinala o director do curso, o catedrático Carlos Lago.

De 30 horas de duración, o curso que se desenvolve no campus entre este luns e este mércores aborda estas cuestións desde a óptica do alto rendemento deportivo a través dunha “xustificación teórica na aula” que se ve sucedida polo achegamento “a propostas prácticas” de aplicación das diferentes técnicas e estratexias que fagan posible, como sinala Lago, a súa aplicación “no alto rendemento, pero tamén en calquera outro ámbito da actividade física”. Nese senso, o responsable desta actividade, da que destaca tamén a “excelencia profesional” dos diferentes relatores, pon de relevo o papel que as e os titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte poden xogar nestas facetas de recuperación e prevención como parte de equipos que integran tamén a profesionais da medicina ou a fisioterapia. “O noso é a parte do afinamento, de dar os últimos estímulos para facer unha recuperación que nos permite ter éxito nos movementos específicos”, sinala dun campo de traballo que “no que tamén é moi importante” o labor preventivo, un traballo que “normalmente se aborda menos” pese a que no deporte de elite “hai certas estruturas do corpo que se ven sometidas a máis estrés e que polo tanto teñen potencialmente máis risco de sufrir unha lesión”.

A última fase dun proceso de recuperación

Return to play. A reincorporación dos lesionados ao adestramento co equipo e á competición era o título da conferencia coa que o doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e preparador físico Eduardo Domínguez abriu este curso poñendo o foco nunha fase concreta do proceso de recuperación dun deportista tras unha lesión, “o momento no que decidimos que un xogador que xa completou as fases de recuperación cos diferentes profesionais xa está preparado para adestrar co equipo e preparado para competir”. Momento que, como sinala é resultado dun acordo entre moitos profesionais e dun traballo “que se vai facendo de maneira progresiva”.

Nese senso, este preparador físico, que ten traballado ao longo da súa traxectoria en clubs como o Bejing Renhe ou o Spartak de Moscova achegou ao alumnado ás “pautas ou procedementos metodolóxicos” a ter en conta á hora de “pautar o reingreso” no adestramento dun ou unha deportista que vén de recuperarse dunha lesión. “E unha vez o deportista xa volveu traballar cos compañeiros, a seguinte decisión é cando está preparado para competir”, apunta Domínguez dun proceso que implica un “traballo individualizado co preparador físico de forma case que personalizada”. Non en van, nestas últimas fase sinflúen tanto aspectos físicos como o feito de que unha lesión de gravidade supón “unha vivencia negativa, que temos tamén que tratar de que supere”, o que vai influír tamén no tempo investido nun proceso no que, sinala, o obxectivo final é que “volva a ser o mesmo deportista que foi antes da lesión”.

Neste punto, Domínguez puxo tamén o acento na importancia de evitar posibles recaídas, “que soen ser logo moito máis complexas de recuperar que a lesión inicial”. A este respecto, subliñou a necesidade de facer ver ao ou á deportista que a súa volta á competición “non é o punto final da recuperación, senón que hai un proceso de prevención que incluso pode durar un ou dous meses”, dada a existencia dun maior risco de recaer na mesma lesión que obriga a “seguir facendo un traballo preventivo”.

Dúas xornadas por diante

A análise de datos no proceso de readaptación centrou na tarde deste luns a intervención do preparador físico e profesor desta facultade Luis Casais nun curso que, como explica Lago, busca achegar ao alumnado “unha visión ampla” da recuperación de lesións reunindo a profesionais de diferentes perfís. Así, o martes o curso contará coa participación de Juan Martínez, quen falará de alimentación aplicada á readapción e prevención de lesións; mentres que o titulado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Cristian Fernández centrará a súa participación no estudo de casos da súa etapa no Newcastle. Xa o último día Carlos Alonso abordará lesións concretas nos isquiotibiais, no ligamento cruzado anterior e o ombreiro, nunha xornada que contará tamén coa participación de Eduardo Parra e na que Carlos Lago clausurará o curso abordando o futuro deste ámbito profesional.