Profesionais do dereito e da saúde mental constatan os prexuízos que causan as políticas da Xunta para os dereitos das migrantes e os doentes mentais

Rosa Cerqueiro e Miguel Vieito participaron na comisión alternativa de Sanidade impulsada pola oposición parlamentaria
Publicado por o día 18/01/2019 na sección de En Marea,Política

Profesionais do dereito e da saúde mental constatan os prexuízos que causan as políticas da Xunta para os dereitos das migrantes e os doentes mentais

A sala de En Marea no Parlamento de Galicia acolleu unha nova sesión da comisión alternativa de Sanidade impulsada polas tres forzas da oposición parlamentaria. Os comparecentes neste ocasión foron o investigador e especialista en dereito da exclusión Miguel Vieito e a psicóloga clínica do SERGAS, Rosa Cerquido. Os dous concluíron, cada quen desde o seu campo de especialidade, que as políticas da Xunta de Galicia provocan serios prexuízos en materia de falta de atención sanitaria.  No caso dos doentes de enfermidades mentais polo abandono dos programas especializados en este tipo de doenzas e no caso das persoas migrantes coa exclusión dos dereitos a seren atendidos polo sistema sanitario galego. A deputada de En Marea e vicepresidenta do Parlamento, Eva Solla, explicou na súa quenda de intervención nesta comisión que están “constatados os prexuízos das políticas sanitarias do PP e que tanto na atención mental como nos dereitos das migrantes foron reiteradamente denunciados no Parlamento de Galicia”.

Rosa Cerquido é psicóloga clínica do Servizo Galego de Saúde e integrante do Movemento Galego da Saúde Mental. A comparecente na comisión alternativa de Sanidade explicou cal era a situación da atención mental en Galicia, unha atención que cualificou como “un panorama sombrío e que temos a obriga de reverter”. Cerquido resumiu na súa intervención a situación da atención á saúde mental en Galicia explicando que en “situacións de crise ecómica aumentan o número de doenzas mentais e, polo tanto, faise máis necesaria esta atención, o que sucedeu en Galicia é que se abandonou a saúde mental xusto no momento en que era máis necesaria”.

Cerquido explicou tamén na súa intervención que a atención en Galicia ten un problema de “accesibilidade” aludindo a un estudo encargado pola propia Consellería de Sanidade que afirma que un de cada cinco galegos/galegas presentou durante a súa vida un transtorno de tipo mental, pero estas cifras contrastan coas que explican que só unha de cada tres persoas con doenzas chegan a contactar cos servizos sanitarios”. Engadiu que case a “metade con transtornos graves e tres de cada catro con transtornos moderanos non acudiron a atención primaria nin a especializada”. Iso revela un problema de acceso dos doentes aos servizos de atención no sistema sanitario galego. Pero aínda tendo en conta esta situación, en xuño de 2018, máis de 8.000 persoas esperaban por unha primeira cita no servizo de psquiatría, segundo as cifras da Consellería de Sanidade.

Sinalou que tanto Galicia como Asturias son as comunidades con maior “prevalencia nos casos de depresión e de ansiedade”. No mesmo sentido, explicou a especialista que estas dúas comunidades son as que rexistraban maior número de mortes por suicidio. Neste panorama, Rosa Cerqueiro explicou que en Galicia se rexistrou un “aumento importante dos problemas de saúde mental que requiren de atención especializada, aumento moi preocupante de mortes por suicidio, un aumento excepcional do consumo de psicofármacos, dificultades para acceder aos servizos de saúde mental e dificultades obter tratamentos psicolóxicos, tanto na infancia, na adolescencia como nos adultos”.

Segundo Cerqueiro, as implicacións máis graves derivadas da política actual da Xunta en saúde mental son tres fundamentalmente. “A decisión de reducir as políticas de protección social e sanitaria nun contexto de crise económica levou a un aumento da desigualdade social, o empobrecemento e a exclusión social”. Unha segunda implicación é que a precariedade asistencial en persoal, recursos e organización dos servizos levan a un risco aumentado de perda da calidade dos coidados e da seguridade das persoas atendidas”. En terceiro lugar, segundo sinalou Cerqueiro “estamos expostas a unha violentación inaceptable de dereitos fundamentais”. Cerqueiro sinalou tamén que todos estes datos aínda eran máis graves se se analizaban con perspetiva de xénero, onde unha vez máis, as mulleres estaban máis afectadas por estas carencias.

EXCLUSIÓN DE PERSOAS MIGRANTES DO SISTEMA SANITARIO GALEGO

A comparecencia de Miguel Vieito centrouse no exclusión do sistema sanitario galego das persoas migrantes. O investigador e especialista en dereitos da exclusión sinalou que as políticas do PP neste caso “foron eleccións deliberadas para deixar sen atención a migrantes e favorecendo a facturación dos servizos sobre os dereitos a atención das persoas”.

Vieito apuntou na comisión alternativa de Sanidade no Parlamento de Galicia, que desde o decreto do goberno central de 2012, o que se produciu foi “unha exclusión legal das persoas migrantes, un cambio legal baseado en argumentos falaces que a estatísticas desminten”. Entre eses argumentos falaces utilizados polo PP está o aforro económico, a sustentabilidade, a loita contra o turismo sanitario. Vieito explicou que os datos din exactamente o contrario: “as persoas migrantes fan menos uso da sanidade porque son novas e sanas”. Sinalou tamén que nos últimos anos houbo un retroceso nos dereitos sociais que supuxo unha regresión de case 30 anos e que, na práctica, deixou sen atención a 873.000 persoas”.

Ademais de explicar como afectou o decreto de 2012, Vieito sinalou cal foi a actitude que adoptou a Xunta de Galicia ante a situación xerada: “complicou todos os trámites e o acceso das persoas migrantes ao sistema de saúde, chegando a facer unha obscena deixación de funcións cando delegan este acceso aos servizos sociais como se non fosen un asunto sanitario”.

Miguel Vieito citou na súa comparecencia un informe de Médicos del Mundo no que se informaba de 107 casos de exclusión na atención sanitaria. Vieito sinalou que a Xunta de Galicia puido ter tomado decisións que atemperaran os prexuízos do decreto de 2012, pero fixo o contrario “e tomou deliberadamente a decisión de excluír aos migrantes do dereito á atención universal”. Segundo o avogado “a Xunta favoreceu o criterio económico por riba do cumprir os dereitos ata o punto de que os migrantes que recibían antes a factura do servizo que o diagnóstico do que lles pasaba”.

Vieito engadiu que desde a entrada en vigor do decreto16/2012 “a mortalidade na poboación migrante incrementouse nun 15%, o que supón 70 mortes a maiores no Estado por culpa da posta en marcha dunha norma que exclúe as persoas migrantes”. Sinalou o avogado que todas cifras aumentaban de maneira considerable se se utilizaban parámetros de xénero para estudalas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.