Profesionais galegos de prestixio internacional exploran a relación entre deseño, ciencia e tecnoloxía na era poscovid-19 no marco do Programa de deseño para a innovación da Xunta

A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza o segundo encontro virtual do ciclo ‘A era poscovid-19: redeseñar o mundo’ o vindeiro 23 de xullo
Publicado por o día 19/07/2020 na sección de Economía,Xunta de Galicia

Profesionais galegos de prestixio internacional exploran a relación entre deseño, ciencia e tecnoloxía na era poscovid-19 no marco do Programa de deseño para a innovación da Xunta

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de innovación (Gain), organiza o vindeiro 23 de xullo o segundo encontro virtual do ciclo A era poscovid-19: redeseñar o mundo. A través da visión experta de tres profesionais galegos de recoñecido prestixio internacional, exploraranse as sinerxías entre o deseño, a ciencia e a tecnoloxía no novo contexto aberto pola crise do coronavirus.

Baixo o título Deseño, ciencia e tecnoloxía, este novo encontro do Programa de Deseño para a Innovación da Xunta será un marco de reflexión compartida sobre a relación entre estes tres eixes da innovación nun escenario marcado pola incerteza e por novos retos e necesidades. Complétase así a reflexión iniciada no primeiro encontro do ciclo, no que se analizou a relación entre deseño, empresa e sociedade.

Desta volta, os profesionais galegos de referencia que compartirán a súa visión cos participantes son o artista Rubén Ramos Balsa, residente en Singapur e fundador da empresa tecnolóxica Mismos; Noemí Cortizas, afincada en Francia e especializada no deseño de produto, materiais, acabados e cores na compañía Roctool; e Anxo López, experto na función estratéxica do deseño e líder desta división no BBVA.

A visión destes tres expertos está recollida tamén na publicación Futuros posibles: Deseño para a innovación na era poscovid-19, editada pola Xunta. A través de cerca dunha vintena de entrevistas, este monográfico abre un marco de reflexión para a análise e a acción arredor do deseño como ferramenta estratéxica na etapa que abriu a pandemia do coronavirus. O obxectivo é compartir coñecemento para contribuír á posta en marcha en Galicia de equipos multidisciplinares capaces de xerar competitividade empresarial a través da innovación nacida do deseño.

Comentar noticia

Your email address will not be published.