Profesionais de Urxencias do Hospital do Salnés efectuaron un novo curso de reanimación cardiopulmonar co alumnado e docentes do IES Ángel González Estévez de Carril

Esta actividade formativa e asistencial -dirixida a alumnado de 4º da ESO e tamén de ciclos formativos de grao superior- conta cun alto grao de valoración por parte da comunidade educativa ao longo das súas sucesivas edicións
Publicado por o día 02/03/2017 na sección de Galicia,Pontevedra,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

Profesionais de Urxencias do Hospital do Salnés efectuaron un novo curso de reanimación cardiopulmonar co alumnado e docentes do IES Ángel González Estévez de Carril

​Profesionais da área sanitaria integrada de Pontevedra e O Salnés, acompañados por profesores de educación Física do IES Miguel Ángel González Estévez de Carril, impartiron hoxe neste centro educativo a novena edición do curso teórico-práctico sobre Reanimación cardiopulmonar, que se celebrou entre as 9,30 e as 14 horas.

Esta actividade formativa e asistencial -dirixida a alumnado de 4º da ESO e tamén de ciclos formativos de grao superior- conta cun alto grao de valoración por parte da comunidade educativa ao longo das súas sucesivas edicións, promocionadas polo coordinador do servizo de Urxencias do Hospital do Salnés e presidente de SEMES Galicia, o doutor Manuel Vázquez Lima.

O curso teórico-práctico sobre Reanimación cardiopulmonar enmárcase nun programa denominado “animación de actividades físicas e deportivas”, no que os estudiantes deste instituto vilagarcián aprenden a efectuar unha reanimación cardiopulmonar (RCP) de xeito correcto.

Reanimación cardiopulmonar eficaz que reduce a mortalidade

Segundo sinala a coordinadora do curso, e facultativo de Urxencias do Hospital do Salnés, Ángeles Castro, esta iniciativa asistencial da EOXI de Pontevedra e O Salnés cos escolares incide nunha reanimación cardiopulmonar eficaz, que pode ser efectuada axeitadamente por calquera persoa.

A novena edición deste curso correu a cargo dos profesionais do servizo de Urxencias do Hospital do Salnés: Julia Oubiña, Eugenio Pose e a propia Ángeles Castro, xunto cos docentes do Instituto, que colaborarán posteriormente no plan formativo.

A doutora Ángeles Castro engade que “se a poboación estivera entrenada nesta técnica, podería reducirse a mortalidade nun 20%. A Educación para a Saúde -en particular, o ensino dos primeros auxilios- debe ter lugar desde tempranas idades. Iniciativas coma a de hoxe en Carril constatan que os centros educativos xa son claves na expansión á poboación dos coñecementos e experiencias en primeros auxilios e en reanimación básica”.

Avais científicos e simulacións interactivas

O curso teórico práctico sobre “Reanimación cardiopulmonar” que se celebrou hoxe no IES Miguel Ángel González Estévez de Carril, conta cos avais científicos do Plan Nacional de Reanimación Cardiopulmonar e da AHA (American Heart Asociation) dentro do plan de atención cardiovascular de urxencia da Sociedad Española de Urgencias y Emergencias (SEMES).

Dita actividade tamén analizou con simulacións prácticas interactivas -efectuadas polos docentes e os propios alumnos- os protocolos de actuación e algúns cadros patolóxicos que presentan os pacientes en diversas situacións críticas.

Así mesmo, a actividade docente terá unha avaliación global teórica e práctica polo profesorado docente, que se complementará coa execución de novas simulacións de casos, nas que se supervisará a eficacia e calidade das técnicas aplicadas polos alumnos arousáns.

Valor da primeira intervención

Os profesionais do servizo de Urxencias do Hospital do Salnés plantexaron durante o curso de hoxe no IES Miguel Ángel González Estévez de Carril o valor da primeira intervención -é dicir, dun testigo- a un paciente en situación de parada cardiorrespiratoria. Porque non soe dipoñerse dun médico ou dunha enfermeira experta nos sitios concretos onde acontecen este tipo de doenzas.

Estímase que, por cada minuto que pasa un paciente en parada cardiorrespiratoria, sen reanimación, éste perde un 10 por cento de posibilidades de recuperación. En 4 minutos sen recibir ningunha reanimación aplicada, o seu cerebro presentará importantes alteracións e, sen dúbida, secuelas posteriores ou incluso a morte.