A ESAD (Escola Superior de arte Dramática de Galiza), con sede en Vigo, vive hoxe o primeiro dos tres días de folga convocados para esixir a restitución dos seis postos de traballos perdidos nos últimos dous anos. Co centro totalmente paralizado, profesorado e estudantes levaron as súas demandas até a sede da Xunta, esixindo que non se poña en risco o prestixio e calidade educativa da única escola que imparte estes estudos en Galiza.
Despois da aprobación maioritaria dos seus traballadores e traballadoras a pasada semana, este luns deu comezo o primeiro dos tres días de folga cos que se pretenden denunciar os recortes de persoal aos que a Consellaría ten sometido este centro nos últimos anos.
En concreto, para este curso académico a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes e a Consellaría, tras o informe do funcionario da inspección educativa, non só non concedeu ningunha senón que eliminou outras tres, adxudicando só 34 interinidades, das 40 que a dirección e o equipo docente consideraban necesarias.
Esta política de recortes levou a que desde 2014 o cadro de persoal da ESAD se vira reducido nun 20% cando, despois dos peores anos da crise económica, se recuperou o número de alumnado matriculado nos primeiros cursos.
Esixen a dimisión do inspector e a intervención do conselleiro de Educación
Tal e como denuncia a CIG-Ensino, o responsábel da toma destas decisións foi o inspector, Gustavo Lorenzo Prozzo, que amosa unha actitude totalmente hostil e arbitraria na súas funcións con respecto á ESAD.
Este inspector, segundo sinalan, intentou cambiar o perfil das prazas solicitadas e informou negativamente sobre a concesión das vacantes, presionando a dirección do centro e co menoscabo da autoridade do profesorado. En particular, o inspector amosa “un enfermizo interese en menosprezar a Escola Superior de Arte Dramática”, na que se imparten estudos superiores, equivalentes ao grao universitario, obviando todas as particularidades que teñen estas ensinanzas en canto a atribución e horario docente.
Pola súa parte, tanto o xefe territorial da Consellería de Educación como a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos negáronse a mediar no conflito, o que provocou que finalmente se consumase o recorte de persoal docente para o presente curso escolar.
A CIG-Ensino aproveitou a concentración desta mañá para pedir a dimisión do inspector de zona e para demandar da Consellaría a cobertura inmediata das prazas necesarias para o arranque do curso no centro, apelando directamente á responsabilidade do conselleiro de Educación.
Novas concentracións, martes e mércores
Se non existe ningunha resposta por parte da administración, están previstas concentracións para o martes e mércores fronte ao edificio da Xefatura Territorial da Consellaría de Educación en Pontevedra ás 11 da mañá, e o sindicato estudará co persoal da ESAD outras accións a emprender até ser atendidas as súas demandas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.