Profesorado interino de Galicia levará aos tribunais a convocatoria de acceso á función pública docente de 2018 e solicitan a súa suspensión

A agrupación de profesorado interino asegura que “a única solución á permanente fraude na contratación no ámbito da administración educativa galega pasa por procesos selectivos que propicien o acceso á condición de funcionarios/as dos actuais interinos/as” e xa teñen impugnada en vía administrativa a convocatoria de concurso-oposición do 2018.
Por o 25/04/2018 | Sección: Educación,Galicia,Sindicatos

Profesorado Interino de Galicia vén de presentar un recurso administrativo de reposición contra a ORDE do 14 de marzo de 2018 da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG Nº 57 DO 21/03/2018) pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso aos diferentes corpos de profesorado e mestres, aducindo que a Xunta de Galicia está incumprindo co mandato legal que establece o modelo do concurso- oposición para o acceso ao emprego público no ensino.

O colectivo defende que o espírito legal do sistema concurso-oposición está na valoración conxunta do mérito (entre outros elementos deben valorarse os servizos prestados), e a capacidade (a clásica oposición ou probas selectivas), e que a Xunta está a despregar diferentes trabas burocráticas que baixo a aparencia de neutralidade están dirixidas a deixar sen efecto a fase do concurso, “co obxectivo de facer acopio dun novo exército de traballadoras e traballadores interinos máis económicos e sen dereitos, utilizando a actual convocatoria como un ERE encuberto incumprindo unha vez máis a súa función social de garante da legalidade, reproducindo exactamente as actitudes que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea lle leva recriminando unha e outra vez ás Administracións españolas”.

Aseveran que “o recurso de reposición presentado é un primeiro intento de diálogo para que a Administración elimine aquelas barreiras que converten o concurso-oposición en papel mollado”, pero que acaban de iniciar a vía coa perspectiva de que a Administración non rectifique, en cuxo caso “utilizaremos a vía xudicial co obxectivo de que os propios tribunais repoñan a legalidade vixente, considerando que xa existen pronunciamentos da Xustiza que recriminaron comportamentos similares aos que estamos denunciando, o que deu lugar a macroprocedementos con pronunciamentos durísimos contra as administracións”.

Ao mesmo tempo o colectivo iniciará unha campaña pola dignidade e a igualdade de dereitos no emprego público que pasará por citar aos sindicatos con representación no ámbito do ensino para abordar conxuntamente a problemática do persoal interino, á fin de requirir o seu apoio para vencer as barreiras da administración, e con ese mesmo fin, encontraranse coas forzas políticas parlamentarias de diversos signo para solicitarlles “a adopción de medidas que poñan fin á discriminación do persoal temporal no ámbito do emprego público e mais a promoción de iniciativas que resolvan a situación de milleiros de profesores/as e mestres/as que levan anos ao dispor de Ensino sen que ninguén lle queira poñer freo a esta situación”.

Polo anteriormente exposto o colectivo de profesores en precario solicita que se suspenda a devandita convocatoria mentres se resolve o actual recurso administrativo, sen prexuízo das pretensións que, no seu caso, se eleven logo na vía xurisdicional. Daquela, resultaría moito máis danoso para os aspirantes ao concurso-oposición unha sentenza contraria que anule todo o proceso que adiar as probas ata que non se resolvan as cuestións que actualmente desvirtúan o concurso-oposición.

Esta iniciativa conta co respaldo do USDG (Unión Sindical de Docentes de Galicia) dentro da campaña de ámbito estatal apoiada pola Plataforma de Interinos, Temporais e Estatutarios Eventuais.