O programa Actívate no Verán ronda as 250 persoas beneficiarias

Esta mañá realizouse unha andaina dende o Pazo de Mos ata o Santiaguiño que contou con 20 inscritos
Por o 11/08/2017 | Sección: Galicia,Mos
O programa Actívate no Verán ronda as 250 persoas beneficiarias

Con absoluta puntualidade partían do Pazo de Mos ás 10.00 horas desta mañá os/as integrantes do grupo formado para realizar a andaina ata o Santiaguiño acompañados/as do seu monitor. Esta era xa a sexta andaina organizada dentro do programa de actividades deportivas estivais do Concello de Mos, Actívate no Verán.

A de hoxe foi unha camiñata que superou a hora e media de duración, xa que o percorrido incluía traxecto de ida e volta do Pazo ao Santiaguiño, rematando no punto de partida.

A iniciativa municipal Actívate no Verán experimentou un cheo absoluto das actividades deportivas programadas para os meses de xullo e agosto. Ademais de andainas, o programa inclúe clases de ximnasia na auga para adultos e natación para cativos na piscina ao aire libre de San Eleuterio, e actividades de ximnasia monitorizada en elementos biosaludables polos diferentes parques do municipio. Precisamente o vindeiro mércores, día 16 de agosto, ás 10.00 horas impartirase unha clase de ximnasia monitorizada no parque de elementos biosaudables do Campo da Feira en Puxeiros.

Por outra banda os cursiños de natación ao aire libre para os máis cativos durante os meses de xullo e agosto na Piscina de San Eleuterio impártense todos os martes e xoves en horario de 11:45 horas a 12:30 horas e van dirixidos a nenos e nenas de 4 a 14 anos de idade. Nestes cursiños é necesaria inscrición previa xa que as prazas dispoñibles son limitadas.

E as clases de ximnasia na auga durante os meses de xullo e agosto dirixidas á poboación en xeral celébranse tamén os martes e xoves, en horario de 11:00 horas a 11:45 horas na piscina ao aire libre de San Eleuterio. As prazas tamén son limitadas e a inscrición previa necesaria.

As andainas e outras actividades deportivas durante os meses de xullo e agosto dirixidas á poboación en xeral realízanse os mércores e venres a partir das 10 da mañá nos diferentes parques do municipio.

En total participaron nas actividades durante o pasado mes de xullo 82 persoas entre adultos e nenos/as, das cales 62 estaban inscritas nas actividades da piscina de San Eleuterio (ximnasia na auga e natación) e as 20 restantes inscribíronse nas actividades a realizar nos parques, consistentes en andainas e exercizos nos elementos biosaudables.

En agosto as cifras repítense sumando novamente 82 o total de usuarios e usuarias destas actividades (pero son diferentes persoas que no mes de xullo) polo que ao final do verán terán participado nestas dúas iniciativas 164 persoas.

O programa deportivo Actívate no Verán iniciouse o pasado 2 de maio con clases de Zumba ao aire libre. O curso de zumba desenvolveuse durante os meses de maio, xuño e xullo todos os martes e xoves en horario de 21:00 horas a 22:00 horas no parque de Costoias, na parroquia de Tameiga. Esta actividade ía dirixida á poboación en xeral e para participar non era necesaria inscrición previa. En zumba participaron unhas 60 persoas, polo que sumadas ás 164 das actividades na piscina e nos parques, a cifra total de participantes en Actívate no Verán ascende a 224 veciños e veciñas de Mos.

Actívate no Verán foi ideado e deseñado como un programa deportivo alternativo dotado de actividades na piscina de San Eleuterio tales coma ximnasia na auga adaptada a tódalas idades, cursiños de natación para nenos/as e, nos distintos parques biosaudables existentes no Concello de Mos, clases dirixidas e titorizadas impartidas empregando os diferentes elementos destes parques, así coma a realización de andainas colectivas aproveitandos os diversos sendeiros e sendas existentes no termo municipal mosense para darlle continuidade ao longo da tempada estival ao programa deportivo Exercítate, dirixido á terceira idade, que se imparte de setembro a xuño.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.