A programación de actividades para escolares de Afundación leva a Santiago a obra teatral en inglés ‘Zapping’

Publicado por o día 24/01/2018 na sección de Cultura

A programación de actividades para escolares de Afundación leva a Santiago a obra teatral en inglés ‘Zapping’

Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa desenvolvendo as actividades educativas propostas na súa programación para escolares deste curso académico. Nesta ocasión, a compañía teatral Blue Mango Theatre sairá a escena no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela (Preguntoiro, 23) para representar a obra en inglés Zapping.

A función será mañá mércores 24 de xaneiro, con dúas sesións, ás 10.00 h e ás 12.00 h.


Máis de 780 alumnas e alumnos de 4.º, 5.º e 6.º curso de educación primaria de 10 centros escolares de Santiago de Compostela e proximidades acudirán a ver esta proposta teatral.

ZAPPING, DE BLUE MANGO THEATRE

Mediante esta hilarante comedia musical, o alumnado poderá reflexionar sobre as consecuencias derivadas das eleccións que facemos na vida. Calquera decisión ten un efecto e os espectadores poderán aprender a importancia de saber tomar a mellor decisión posible para aprender dos erros, tanto no ámbito profesional como no ámbito das relacións persoais coa familia e os amigos.

Narra a historia de Eli, que descobre que ten o poder de rebobinar o tempo, polo que dispón de novas oportunidades para cambiar as súas eleccións e facer as cousas de forma distinta.

A proposta enmárcase dentro das actividades educativas para escolares programadas para o curso 2017 – 2018 que teñen como obxectivo reforzar a formación extracurricular que os estudantes reciben nas súas aulas. Así, a programación deseñada por Afundación promove unha educación en competencias transversais que potencian nos estudantes o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo.