Promover unha educación transformadora da sociedade, o obxectivo das actividades escolares de Afundación

A proposta inclúe actividades que fomentan a educación en competencias transversais utilizando ferramentas como o teatro ou as artes plásticas, proxectos interxeracionais vinculados ao envellecemento activo, ou programas de educación dixital na responsabilidade
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Formación,Galicia,Vigo

Promover unha educación transformadora da sociedade, o obxectivo das actividades escolares de Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta, coincidindo co inicio do curso escolar, a súa nova proposta de actividades educativas para escolares 2019/2020. O obxectivo desta programación é reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas, a modo de ferramenta que complemente os programas curriculares dos centros escolares e que á súa vez fomente unha educación en competencias transversais que potencien nos estudantes o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo.

Máis de 136.000 nenas e nenos asisten anualmente a estas actividades, o que supón a participación do 48% dos centros educativos de Galicia. As sete cidades galegas serán as anfitrioas destas propostas, ás que ademais se engaden aquelas localidades nas que desenvolvemos o proxecto «Corrente cultural», realizado en colaboración con ABANCA e os concellos, polo que programamos actividades fóra do circuíto das cidades galegas. Así mesmo, nesta nova programación a educación dixital ocupará un lugar destacado co propósito de formar aos máis novos para que aproveiten o gran abano de posibilidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías dunha maneira responsable, creando novos contidos educativos para novas necesidades formativas. Levarase a

cabo mediante a realización de obradoiros de ciberseguridade, conferencias e representacións teatrais.

A oferta abarca actividades no ámbito da cultura, os proxectos interxeracionais vinculados ao envellecemento activo, que facilitan a transferencia de coñecementos e experiencias entre os máis novos e a xente maior, actividades vinculadas á sustentabilidade e ao medio ambiente e o programa educación financeira en colaboración con ABANCA.

Ademais, Afundación continúa co programa «Educación século XXI», un ciclo de conferencias que teñen como obxectivo crear un marco para a reflexión sobre o labor e os retos aos que se enfrontan nais, pais, profesores e estudantes na educación actual, ampliando así o ámbito de actuación da entidade a toda a comunidade educativa.

EDUCACIÓN A TRAVÉS DA CULTURA

O proxecto deseñado para a vertente cultural desta programación comprende diferentes formas de expresión artística, como as artes escénicas, consideradas unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión e desenvolver habilidades sociais. Mediante a danza, o teatro e a música os escolares achegaranse a temas de tanta importancia como o bullying, a convivencia, o respecto ao medioambiente, a seguridade na rede ou a guerra e a paz. Todas as funcións que conforman a programación foron seleccionadas para contribuír do mellor modo posible a estes propósitos, contando con compañías de referencia a nivel nacional que recibiron prestixiosos premios polas súas producións e dando ademais un especial protagonismo ás compañías galegas. A proposta elaborada pola Área Educativa da Obra Social de ABANCA tamén inclúe un ciclo de cinema submarino, organizado en colaboración coa Universidade de Vigo.

A Colección de Arte de Afundación e as numerosas exposicións programadas serán o vehículo mediante o que os escolares se achegarán ás artes plásticas, xa que son unha excelente canle de comunicación que emociona, forma e conecta a quen as visita con outras maneiras de pensar e de vivir. Estarán acompañadas dunhas propostas didácticas adaptadas ás idades dos participantes, desde primeiro de infantil ata Bacharelato e Ciclos Formativos, que aglutinan diversión e aprendizaxe.

Ademais, a Obra Social de ABANCA conta en Santiago de Compostela coa Biblioteca Infantil e Xuvenil máis antiga de España. Fundada en 1974 dispón de máis de 20.500 libros e 700 DVD e desenvolve un completo programa de actividades de animación. Todas estas propostas compleméntanse coas realizadas en Naturnova, o centro interactivo de educación ambiental de Afundación en Vigo que conta con diferentes salas temáticas e máis de 30 módulos nos que descubrir o Universo, o planeta Terra, o ser humano e o seu medio. Así mesmo, co obxectivo de achegar a música clásica aos mozos, Afundación promove a iniciativa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica» que permite a estudantes de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos aproximarse por primeira vez a un ámbito ao que non acceden habitualmente.

ACTIVIDADES INTERXERACIONAIS VINCULADAS AO ENVELLECEMENTO ACTIVO

Neste ámbito, Afundación propón a creación dun espazo interxeracional común para compartir vivencias, diálogo e emocións, co obxectivo de que as persoas maiores transmitan aos máis novos o seu coñecemento e experiencias e que a comunidade educativa incorpore novas modalidades de aprendizaxe.

Para iso, a Obra Social de ABANCA pon en marcha novas edicións dos seus programas «Fálame da emigración» e «Falamos da escola». En ambos os dous, maiores voluntarios e estudantes de centros escolares de toda Galicia dialogan e reflexionan sobre as súas experiencias na emigración e na escola.

Ademais, en colaboración coas Áreas de Educación e Cultura da entidade, desenvolveranse durante todo o curso novas propostas interxeracionais como clubs de lectura, representacións teatrais, recitais e outras actividades.

PROGRAMA «EDUCACIÓN SÉCULO XXI»

Afundación iniciou en 2017 o ciclo de conferencias «Educación século XXI», un programa de conferencias que pretende difundir as últimas novidades en formación e ensino, abordando diferentes enfoques sobre a docencia, e á súa vez reunir á comunidade docente, parental e o estudantado.

Prestixiosos especialistas en diferentes ámbitos participarán nesta edición, que se inaugurará co experto en comunicación Marcelo Castelo o 18 de setembro na Sede Afundación da Coruña e o día 19 na Sede Afundación de Vigo. Continuará coa xornalista e deportista Irene Villa que estará o 30 de outubro na Sede Afundación de Vigo e o día 31 na Sede Afundación da Coruña. Finalmente, o empresario e escritor Álex Rovira falará o 11 de decembro na Sede Afundación de Pontevedra e o día 12 na Sede Afundación de Santiago de Compostela.

Máis de 5000 persoas xa asistiron a estas charlas que este curso de estenderán tamén a outras localidades fóra de Galicia. Así, César Bona, finalista dos Global Teatcher Prize 2015 e un dos principais referentes na defensa dun cambio de modelo no sistema educativo, ofrecerá unha conferencia en Xixón e León os días 20 e 21 de novembro, e Xuxo Ruiz, especialista en maxia infantil e maxia educativa e finalista dos Global Teacher Prize 2018, estará en Oviedo o vindeiro 23 de outubro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.